«Hoxe, ata no rural é difícil atopar nenos que falen galego a diario»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Ana Garcia

Caxoto abrirá a programación das Letras Galegas na Laracha, este venres, e tamén estará o domingo en Vimianzo. Trae á Costa da Morte «Xeliña fala galego»

16 nov 2021 . Actualizado a las 22:29 h.

A dous quilómetros de Sargadelos, no Concello de Cervo, na Mariña lucense, naceu Felipe Díaz Valle, Caxoto. A moitos pequenos soaralles o seu rostro, pois na Costa da Morte é «moi ben acollido» este contacontos e en breve pasará de novo por ela. Este venres, para dar por iniciado no colexio de Caión o programa das Letras Galegas da Laracha e, o domingo, en Vimianzo, en ambos casos coa sesión Xeliña fala galego.

-Que lles trae aos nenos?

-Os meus son espectáculos de narración oral, e este vai sobre a figura de Xela Arias [homenaxeada este ano polas Letras] e algo da súa obra. A partires do libro Non te amola, semiautobiográfico con algunha liberdade que se tomou, repaso un pouco a súa vida de nena e un pouco a vida dunha xeración, a dos avós e avoas dos nenos de hoxe. Xente que nace nos comezos dos 60. Falamos daqueles tempos, nos que ao mellor xa había luz eléctrica, pero ningunha das comodidades de hoxe; ao mellor había algún xoguete, pero non patinetes nin pelotas en cada casa. A testemuña de Xela Arias sérvenos para volver a aquela época.

ANA GARCIA

-Ten algo que ver o título con ese artigo que recuperou a RAG hai un tempo, escrito polo pai da pequena Xela, Valentín Arias?

-Parto del, si. Empezo facendo referencia a este artigo porque foi escrito polo seu propio pai, falando dela, de que Xela fala galego. Conecta perfectamente, porque trata un pouco de senbibilizar e dignificar a lingua galega, promovendo que se fale máis entre os nenos e nenas de hoxe en día. Empezo coa Xela de sete anos e remato con ela con nove ou dez, cando decide escribir o seu primeiro diario.

- «Oh! Y le hablan gallego! Qué pena que no le hablen castellano, con lo riquiña y fina que es la niña!», recolle ese artigo que lle dixeron aos pais de Xela. Queda algo dese pouso de desprezo?

-Algo se mellorou con respecto a aquela sociedade na que se entendía que falar galego era un atranco, pero tampouco crea que moito, porque o feito é que as nenas e nenos, incluso no rural, que era unha illa, unha salvagarda do idioma, están deixando de falar o galego, ben sexa polo descoido das familias, pola influencia dos medios ou polo contexto todo. É moi palpable isto. Cando empecei a contar contos hai máis de quince anos ía polos colexios e, en xeral, sacando ao mellor as cidades, nenas e nenos falaban galego. Agora, incluso costa atopalos no rural.

-Tamén na Costa da Morte?

-Hai zonas, claro. O asunto é irse alonxando das grandes cidades, neses espazos si que está máis presente. Pero se falamos xa de núcleos como Carballo, Narón ou Betanzos, concellos medianos, xa vai sendo máis difícil atopar pequenos que falen galego a diario.

Ana Garcia

-É un asiduo da comarca, pero percorre toda a comunidade.

-Os concellos van falando uns cos outros, comparten se a experiencia resultou ben, e a verdade é que vou percorrendo ao ano bastantes concellos de Galicia. En Carballo levo anos participando no FIOT. A Laracha, Vimianzo, Ponteceso... Dá gusto ir a eses espazos.

-Produce os seus espectáculos?

-Pertenzo a unha compañía, A Trastenda dos Contos. Son a figura común a todos os proxectos, polo menos polo de agora, porque a idea é que no futuro poida haber algún no que non estea tan implicado, e que poidan seguir adiante.

Ana Garcia

-Sempre quixo ser contador?

-Son mestre de formación. Sabía que algo ligado á infancia ía facer, e tiña un pasado no teatro amador. Gustábame, mais non sabía se ía poder vivir disto. Non tiña moitas expectativas, parecíame complexo. O que pasa é que a cabra tira ao monte, e aínda que ao comezo non tiña a idea de chegar a este punto actual, si que sempre me interesou o eido teatral, traballar cun público familiar. A cabra tira ao monte e eu acabei no monte dos contos [ri]. Estou contento, loitando, pelexando día a día, e máis nestas circunstancias. Estou satisfeito.

Ana Garcia

-Foi Xela unha descuberta para vostede? Á hora de preparar este espectáculo infantil, sobre todo.

-Coñecíaa, tiña constancia dela, pero si é certo que non estaba moi vinculado ao eido da poesía. Sabía dela, do que representou, do que significou, da súa morte moi nova. Como me pasou con Lois Pereiro, as Letras Galegas parécenme unha ocasión excepcional de coñecer máis a fondo os autores, sobre todo aqueles que temos máis esquecidos. Penso que a idea xa é facilitar tamén esa oportunidade, e eu mesmo atopei unha conexión con Xela que ao principio non me imaxinaba. Identifícome como moitas cousas, aínda que ela é dunha xeración distinta á miña, ela dos sesenta e eu xa máis dos oitenta. Moito do que conta da súa infancia éme común a como vivín eu a miña. Naqueles decenios, non evolucionaba todo tan rápido como despois coa chegada das novas tecnoloxías, de Internet... Hoxe, con cinco anos de diferenza, notamos moitos cambios no mundo. Na aldea, no rural, e ela era de Sarria, ían as cousas máis lentas naquel tempo. Ela sacaba as vacas a pastar polos camiños, ela xogaba no monte, xogaba ás guerras de terróns... E eu tamén fixen iso. Foime doado conectar.