O «cariño» de Arume de Caión coas Tanxugueiras: doce persoas a un tempo bailando «Terra»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

«Estamos en primeira liña mundial en tradición e folclore. Nunca é tarde para poñer en valor o noso, temos moito do que sentir fachenda», di Esteban Blanco, presidente da asociación, sobre o fenómeno que están a causar Aida, Sabela e Olaia

06 feb 2022 . Actualizado a las 20:19 h.

As redes sociais que todo o expanden estanlle a dar nas últimas horas moita visibilidade a un vídeo compartido pola asociación cultural Arume de Caión (A Laracha, Costa da Morte). Nel vese a doce persoas bailando a un tempo a coreografía de «Terra», a mesma que escenifica nun momento da peza Aída Tarrío: «Fixémolo coma unha pequena homenaxe a elas, por todo o que fixeron e están facendo as Tanxugueiras. É un cariño, porque realmente está a ser un momento moi emocionante», conta Esteban Blanco, presidente de Arume. Son moitos en Galicia e fóra dela os que se teñen atrevido a representar este #tanxubaile, pero facelo 12 persoas xuntas xa é subir algo máis o reto. «Asociacións de Galicia andan sumándose á iniciativa e nós tamén quixemos facelo. Foi preparado nun cachiño, no ensaio do venres, preguntamos quen quería bailar e o vídeo é o resultado», engade. 

Para Blanco, que leva dende neno vinculado ao baile tradicional (é aínda hoxe membro de Xacarandaina) e, dun tempo a esta parte tamén é mestre, o que están logrando Aida, Sabela e Olaia non é outra cousa que «o resultado de moito traballo de base previo»: «Empezaron coma nós, nunha asociación cultural, logo da recollida e dignificación do que facían os nosos maiores». De aí saíron grupos de pandereteiras, saíu Leilía, Mercedes Peón... e agora formacións que, ou ben gravan xa discos, ou ben colaboran en grupos recoñecidos, incide. «O máximo expoñente nestes intres, sobre todo a raíz do ocorrido nos últimos días, son as Tanxugueiras, visibilizando o que se fai aquí en Galicia e que tanta importancia ten dentro da cultura xeral do país, aínda que normalmente se coñeza só o andaluz, o sureño...», reflexiona Esteban. Fano, ademais, empoderando á muller, transmisora de saber. 

«Alucinado» quedou Blanco cando comezou a saír a fóra de Galicia con Xacarandaina. Lembra a primeira parada en Francia e o interese que espertaban os bailes, as roupas, as gaitas e as pandeiretas que eles levaban, aínda habendo representación dos lugares máis diversos do mundo: «Ti sabías que era algo que che gustaba, pero vías aquelas reaccións... A nosa riqueza, a de Galicia, non é comparable a nada, estamos en primeira liña mundial en tradición e folclore. Galicia é ademais moi ampla e extensa, cambian as formas de cantar, de expresar... Como eu digo algo en Caión xa non é igual a como se di en Malpica... O mesmo que pasa co galego. Nada temos que envexarlle a outros países, temos moito do que sentir fachenda». Xa se ten falado do «efecto Tanxugueiras», do «espertar galego» que estas tres mozas están causando en novos e maiores. Sobe a afección polo baile, pola pandeireta. «Hai un espertar, si, tardío, e iso ponnos algo tristes aos que levamos anos nisto, pero en realidade nunca é tarde para presumir do noso sen complexos, para poñelo en en valor». Porque aínda que Aida, Olaia e Sabela introducen toques máis actuais, conectados co momento contemporáneo, beben da tradición absolutamente. 

Esteban Blanco, presidente de Arume de Caión
Esteban Blanco, presidente de Arume de Caión ANA GARCIA

Comparados cos case 43 anos que xa ten Xacarandaina, Arume de Caión é unha entidade relativamente nova. Foi en torno ao 2007 cando se xestou como asociación cultural, cun grupo de teatro e tamén coro infantil. Ata o 2011 non tivo apartado de tradición, mais hoxe é practicamente o 100 % da asociación: baile, gaita, pandeireta, acordeón... O núcleo máis importante de alumnos chegan de Caión, pero tamén os hai de Arteixo, de Carballo, de Sofán ou de A Laracha, e iso para Esteban, «nunha agrupación case en cueiros», é motivo de festexar. «Significa que estamos traballando ben», apunta. Este ano teñen máis inscritos ca nunca, e iso que se vén de saír dunha pandemia, tempo no que non renunciaron ás clases: en liña, primeiro con grupos máis pequenos, logo xa máis grandes... Adaptándose a toda canta restrición chegaba, pero sen deixar nada de lado. No grupo sénior de baile son 25 persoas. Outras 20 no de baile de iniciación, recente e con moito éxito, e outros tantos pequenos, de 6 a 12 anos, no apartado dos máis novos: Os Petiscos. Futuro, pois. 

Tanxugueiras en el Benidorm Fest
Tanxugueiras en el Benidorm Fest RTVE