Aproximadamente unha cuarta parte das persoas con discapacidade viven no medio rural. Dato que no caso de Galicia chega a acadar unha porcentaxe do 43 %, segundo o Observatorio Estatal de la Discapacidad. Unha persoa con discapacidade é aquela que se atopa nunha situación de falta de igualdade de oportunidades de participación e de acceso aos seus dereitos por causa da interacción coa súa contorna.
Se partimos da base de que a discapacidade non é un atributo da persoa senón o resultado dun complexo conxunto de condicións, moitas das cales veñen orixinadas ou agravadas polo entorno social e o contexto, podemos entender a enorme influencia que pode chegar a ter o lugar no que vivimos, desempeñando un papel facilitador, ou ben converténdose nunha importante barreira para a participación e a inclusión.
Aínda que vivir no medio rural poida supoñer, en ocasións, un factor de protección e aportar algunha vantaxe respecto á vida na cidade para as persoas con discapacidade, en liñas xerais supón enfrontarse con dificultades engadidas e riscos de exclusión moi notables. Pois o medio rural caracterízase por unha serie de condicionantes que dificultan e limitan en gran medida o acceso dos habitantes aos servizos aos que, en realidade, teñen dereito como cidadáns.
Estas dificultades gardan relación cos fenómenos da despoboación, precariedade laboral, escaseza de servizos, brecha dixital, falta de oportunidades de lecer e culturais inclusivas, acceso limitado ao transporte e falta de accesibilidade na vivenda, sobrecarga familiar por falta de apoios e o illamento, entre outros. Determinantes todos eles de exclusión social que se fan especialmente presentes no caso das persoas con discapacidade.
O ter que desenvolverse a diario en contextos discriminatorios ten como consecuencia nunha menor capacidade de xeración de ingresos e unha maior necesidade de gasto que o resto da poboación, xa que se ven na obriga de asumir unha serie de custes extraordinarios na súa vida diaria, que diminúe, sen lugar a dúbidas, a súa calidade de
vida. Non podemos obviar polo tanto que vivir en zonas rurais supón un importante desafío para o acceso das persoas con discapacidade aos diferentes servizos e recursos. Estas barreiras dificultan que poidan vivir de xeito independente e ter unha participación plena na comunidade, en todas as áreas da súa vida. Ademais, atópanse con maiores dificultades para acceder á educación e á formación, o que limita as súas oportunidades de acceso ao emprego.
A todo isto, temos que sumar o déficit de infraestruturas e transportes, nun contexto no que o transporte resulta imprescindible para poder acceder aos recursos e exercer unha cidadanía activa, redundando no illamento social.
Esta desigualdade existente entre o medio rural e o urbano supón unha importante ruptura social que afecta de xeito significativo á poboación con discapacidade. Supón unha sobrecarga para o entorno familiar, que se ve na obriga de atender ás necesidades de asistencia a costa de renunciar a outras actividades e soportando uns custos engadidos para o fogar e o entorno social da persoa con discapacidade.
Se queremos que a ruralidade non se converta nun factor multiplicador das barreiras que xa de por si afrontan as persoas con discapacidade, e o rural non siga a perder poboación, resulta de vital importancia traballar arreo para rematar con estas diferenzas, garantindo así os mesmos servizos e recursos para todas as persoas con independencia de cal sexa o seu lugar de residencia.
María Redonda é psicóloga da asociación Íntegro, de Cabana