Diante do pilón medio século despois: morriña

antonio fondo rodríguez

CAMARIÑAS

josé manuel casal< / span>

«Persoas e xeracións enteiras pasan de correr sen sentir a orfandade do noso patrimonio»

02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No mes de Santos, polo san Martiño, cómprese coa profecía do burriño de Castelao («non era mala vida, se durara»). O matachín non dá feito. Estouran foguetes en Carantoña.

?Un meniño nace en Calo, diante do Pilón, fresco escorregadoiro, procedente da Piteira. Sentimos o alento da Carballeira, dos Carrís, do Sixto, -dos avións de Maceiras- (Maceiras, medio inventor, o Caladiño inmortalizado por Chano Piñeiro en Sempre Xonxa, 1989). A cortiña está presidida polo cabazo de cantería: cruz, guión, pasaventos, tornarratos... traballados polo patrón, albeite de animais. ¡Que novo morreu!

O meniño medra, durme e mama escoitando a radio do avó? que se o apagón de Chicago? que se o Banora embarrancado no Cabo Vilán e as mandarinas asolagando Lingunde, en plena ría de Camariñas? que xa se emigra máis a Suíza ou a Alemaña que a ultramar? («ves Toniño») explícalle ao neto. Dozura e morriña, natureza e mestura, auga e vento, día e noite.

O día e a auga: Cara o saínte, pola dereita chega o río Cambeda ou Vimianzo; espiñazo vertebrador de minifundistas eidos. Desauga todo o val de Vimianzo expectante como «auga de maio» pola concentración parcelaria; («vaia vaia, con isto da parselaria imos quedar sen nada», dille un irmán a outro. E contéstalle o segundo: «Cala ho cala. Co que temos e co que nós van dar aínda imos quedar ben»). Arrastra cal enchente o eco aldeán someténdose na rústica ponte da Costiña co fin de entregarse ao Grande na presenza do Va(o) das Mestas.

Véxoo desde o meu Monte das Ánimas, cal Douro soriano, ballesteando e contraballesteando polas agras de Calo e «Pasarela» (citada Lucas Labrada, na Descripción económica del Reino de Galicia, principios do S. XIX). Logo a Ponte de Calo e o Muíño de Jaime, agora encorado (efecto da represa da Central Hidroeléctrica de Carantoña). Pasarela é «paso», industria da madeira no horizonte dos «Penedos»; Calo, freguesía protexida por san Xoán Apóstolo.

O vento: Pola esquerda, caprichosas formacións rochosas loadas por Pondal, interpóñense entre nós e o mar en Traba. Percórroas dun brinco: Pena Forcada, Torre da Moa, Gándara da Barca, Piñeu. Van de Rens e da Viqueira, ata Braño, Lazo, Camelle ou Arou.

Antropomórficas érguense sobre decapitados piñeirais, sinalando salpicadas poboacións das freguesías de san Simón, de Santiago, do Divino Espírito Santo, do san Martiño ou do san Xoán.

A lagoa de Traba, mítica Valverde, personifica o xudeu errante, doce berce palmípedo, evocador de catástrofes pretéritas ao pé do pondaliano figueiral que esvaece.

A noite e o día: Recórdamos na noite dos tempos, «uns lugareños que levaban ás costas, pola Arentiña bidóns dun naufraxio, espertando na treboenta noite a súa inocencia e baldío traballo: o presunto botín eran polisóns?»

Nos regos do carro relocen os tizóns dos veciños, a Travesía asubía polo medio das tellas noticias de Camelle; don José Baña Heim, mestre é gran coñecedor de naufraxios que lle confiren a -nosa costa-, un carácter especial, mitificado en farois dispostos nos carros de vacas, ou en laradas pérfidas para a pillaxe,? don José observa a inscrición das campás (agasallo ao pobo de Camelle, dun buque náufrago en Arou, City of Agra no 1897, polo auxilio, axuda, acollida, xentilidade), e sentencia: «Para que logho dighan».

O Vilán, primeiro de España en ter luz eléctrica, está de garda permanente, guía mar a dentro e en terra firme, «vía láctea» que outeamos cada noite por riba de Castrobuxán. Agoirámoslle longa vida, perenne folla de servizos, incandescencia nas tebras da Costa da Morte, Costa da Vida.

Conclusión: A actualidade caduca, empacha de farois, de formigón, de turbinas eólicas, de TDT e da Internet. Os faros diúrnos son o efémero reemisor do Pico da Vela e os inmortais penedos. De noite, os farois atentan a intimidade dos vagalumes. Non se escoitan as ras cantar na noitiña do verán.

As corredoiras, camiños do carro foron postergados por novas vías incluída a autovía da Costa da Morte. O «coche do Pombo» foi relevado por estelares bólidos con lámpadas LED. Luces vermellas van puntualizando cada andavira (muíño de vento), cal -carriño de estrelas da osa maior- ¡que metáfora!

Progreso significa avance, ¿Qué tipo de avance?, si se perde a nosa esencia.

Persoas e xeracións enteiras pasan de correr sen sentir a orfandade do noso patrimonio. ¿Qué será dos bens colectivos?: a lagoa de Traba, o río Grande, os Penedos, o patrimonio artístico.