Polas redes sociais sigo ao equipo de fútbol A Nosa Costa, que xoga en Delémont, Jura-Suíza. Vai primeiro na liga e na primeira volta. Esta fin de semana gañoulle ao Boecourt por 5-3, que era o líder. Diango, un rapaz de Camariñas ao que entrevistara cando marchara (un de tantos rostros da recente emigración) leva 9 goles. Tamén vexo o que fai Calvo, de Zas, en A Nosa Taberna de Berna. O seu local ten máis ambiente galego que moitos bares por aquí. Ás veces ollo fotos doutros veciños que se foron non hai tanto e agora andan entre montañas idílicas, entre vías do tren de Xenebra, en obras de Biel. Curiosas, as redes: sabes como lles vai, veslle os fillos medrar grazas ás fotos, se van e se veñen, e alégraste de que saian adiante nesta vida tan dura aínda que a relación sexa meramente virtual ou a ter falado tres ou catro veces, ou a ter coñecidos comúns. Case sentes frío cando pola maña che aparece no Facebook o tempo que fai en Onex ou en Lancy. E sobre todo cando chegan as primeiras neves do outono (deben de estar ao caer). Descobres cada vez máis taxis da zona que van e veñen a diario. Miras a carta do restaurante O Faro, en Dittingen (Basilea), e inclúen sabedoras mariscadas con produtos da zona a 80 francos por persoa, Albariño incluído.
Ás veces, como o domingo, paso pola beira da casa dun emigrante do meu lugar que leva 48 anos en Lucerna e só vexo silencio, ese espeso que impregnou toda a vida a nosa emigración, de portas e ventás pechadas. As novas fiestras de Internet ofrécennos unha visión clara e aberta dese mundo que está tan lonxe, e ao mesmo tempo tan cerca, como nunca antes o tivemos.