
A banda, con tres compoñentes da comarca, presenta disco: hoxe, na Coruña; mañá, en Camariñas
20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Prólogo é o primeiro traballo de estudo do grupo folk Samarúas. «Un traballo conformado por sete cortes onde se plasma o pulso actual da banda: a poesía, a preocupación polo ser e a búsqueda de novos vínculos de expresión conflúen nas composicións que dan vida a este disco», describe a formación nas súas redes. Hoxe será a posta de longo en A Coruña e, mañá, en Camariñas, dúas terras das que Samarúas bebe. Fran Trashorras (Camariñas, 1992), Antonio Prado (A Coruña), Miguel Vázquez (A Coruña), Tania Caamaño (Vimianzo), Carlos Barcia (Camariñas), Isaac Pérez (Sada) e María Blanco (nada en Lalín, pero afincada en Compostela) son os integrantes da formación. O anacoreta Man de Camelle, Manfred Gnädinger, inspira a portada do disco. A súa pegada é fonda na música de Samarúas. Gravado nos coruñeses Bonham Studios, o traballo é unha especie de declaración de intencións. Tanto os aspectos musicais como executivos correron a cargo da formación. Fala Fran.
-Novos rostros na formación.
-Si, María. Toca o violín. Estamos moi contentos con ela, a verdade. A súa chegada produciuse porque Antía tivo que irse con Luar na Lubre e o certo é que se involucrou moi rápido na nosa dinámica. Non tardou nada en formar parte dela: é frecuente que cando entres nun grupo xa conformado chegues algo co freo posto, pero neste caso non. María xa vai rodadísima.
-Tiñan pezas, pero este é o primeiro disco de estudo.
-Tiñamos varias cancións recompiladas nun cedé, despois de gañar un premio do concurso Música Xove, da Consellería de Cultura. Eran tres ou catro pezas e tamén había composicións doutros grupos dese concurso. Prólogo é o primeiro disco só noso.
-¿Foi dificultoso o proceso?
-Realmente para nós o feito de gravar non foi todo o laborioso que puidera ter sido, porque xa viñamos rodando todo o verán. Nese sentido, o que máis nos ocupou foi ter unhas composicións nas que nos sentísemos cómodos e que fosen un paso adiante.
-¿Que hai en «Prólogo»?
-Cando fixemos este disco pensabamos nunha carta presentación. Se querías saber algo sobre Samarúas, ou sobre a súa música, en certa maneira non tiñas como, así que de aí este Prólogo. Queriamos que o disco tivese unha dirección, que fose coherente. Todos os temas, na súa forma e na súa estrutura, en como están organizados, teñen ao final unha mensaxe. Empeza o disco cunha gravación de Man de Camelle. A filosofía de Man, dalgún xeito, reinterprétase nas nosas vidas: repensarte, ver se estás onde queres estar... O disco tamén fala diso. Cando o escoitas de corrido ves esa lectura, ao mellor non da primeira vez, pero se te fixas...
-Falamos de composicións propias, de letras do grupo.
-No disco hai tres temas cantados. O primeiro era un que xa tiñamos sacado anteriormente, Non, unha readaptación dun poema de Celso Emilio Ferreiro. Logo está unha composición nosa, propia, e a terceira é outra adaptación, neste caso de Xosé Iglesias, poeta mariñeiro de Cee. Socorro fala de pedir auxilio, axuda a verte desde fóra.
-¿Encadramos a Samarúas no folk? ¿Como se definen?
-Si, Samarúas é folk. Ao final o de poñer etiquetas é un tanto complicado, pero si que podemos deixalo aí, no folk.
-Falan da pegada de Man nas súas vidas, na súa música. «Prólogo» sae á rúa, ademais, no 15.º aniversario da morte do anacoreta. En breve cumprirase o seu desexo das cinzas...
-Non foi algo pensado, pero a verdade é que cadrou ben. Parece algo así como a cuadratura dun círculo. Falando de Man, si, un círculo [ri].
-¿Como viven as últimas horas antes da presentación do disco, primeiro na Coruña e logo en Camariñas? ¿Será un paso adiante tamén para María?
-María xa levaba actuando con nós nos bolos do verán, así que nese sentido non será algo novo para ela, pero si é certo que a primeira vez que presentas un disco hai eses nervios, ese respecto. Polo demais, estamos contentos porque o resultado achégase ao que buscabamos. Iso tranquiliza.
-Foi ademais un verán intenso, con actuacións en moitas localidades. Funcionou ben.
-Si, foi bastante intenso, e en certa maneira penso que ese foi o punto que nos empurrou a embarcarnos nesta aventura que é a gravación dun cedé, e que leva consigo tantos desafíos, sobre todo económicos. Hai cousas que se nos escapan, pero o movemento que tivemos no verán axudounos a dar o paso.
Para tomar nota
Hoxe, en A Coruña: Fundación Luis Seoane, 19.30 horas
Ademais de presentar «Prólogo», os integrantes de Samarúas farán hoxe en A Coruña unha pequena intervención musical. Trátase dun acto con entrada libre: 19.30 horas, na Fundación Luís Seoane (rúa San Francisco, 27).
Mañá, en Camariñas: Faro Vilán, 18.00 horas
Coa colaboración da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, Samarúas dará a coñecer o seu disco na sala de exposicións do faro Vilán. En breve irán informando de máis datas, da xira: téndose movido sobre todo pola provincia da Coruña, tratarán de ir máis alá tamén.