Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unanimidade en Camariñas para a rúa co nome Silvia Lijó López

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Mañá de emoción na vila do encaixe, co recoñecemento a esta mestra comprometida coa educación e a igualdade 

15 mar 2025 . Actualizado a las 23:13 h.

É frecuente que unha persoa reciba loas logo de morta. Mais o Concello de Camariñas, dentro dos seus actos polo Día da Muller, querendo cambiar ese costume e no seu ánimo de poñer en valor «a nosa xente», acordou renomear a rúa Curros como Mestra Silvia Lijó. É a que conduce ao instituto Pedra da Aguia, na Ponte do Porto, onde esta muller chegada da Coruña se asentou no 1982 para traballar primeiro na escola de Cereixo.

Unha rúa simbólica, nese centro estivo boa parte da súa carreira. Fixo falta para este tributo un pleno extraordinario, onde por unanimidade se aprobou este sábado o recoñecemento en vida a quen destacou «polo seu compromiso coa educación, a igualdade e a integración na comunidade», en palabras da alcaldesa, Sandra Insua. Como ferramentas, moitas: dende a lectura ao deporte, un plan de convivencia, outro de intervención familiar ou promoción de hábitos saudables.

Lijó integrou a directiva da asociación pola igualdade de mulleres de Camariñas, participou da fundación do primeiro clube de balonmán feminino e coordinou proxectos que mesmo lle valeron o premio nacional Vicente Ferrer. «Para ser como Silvia hai que nacer con ese don», dixo a directora do Pedra da Aguia, Mariví Mouzo, durante os actos xa no centro, nos que tamén repasou moitas das súas achegas. «Unha comunidade que lembra é unha comunidade que avanza. Camariñas ten nome de muller, de mulleres como Silvia Lijó», precisou Insua.