Rocío Leira: «Necesito escribir para ser feliz»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CEE

SANDRA ALONSO

Á ceense gañou o XII Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC

22 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As matemáticas e a creación literaria casan ben nesta profesora natural da Costa da Morte e afincada en Santiago. Rocío Leira Castro (Cee, 1979) recibe a semana entrante o Premio de Relato Curto que convoca a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e patrocina HM Hospital La Rosaleda con cincocentos euros. Paxaros caídos é un relato que «baixo a estrutura e forma dunha narración infantil fala dunha problemática de gran calado social como é a violencia de xénero», indica a autora, que recollerá a súa distinción nun acto que se celebrará na Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos) hoxe ás 19.30 horas. Pódese ler o texto na web da entidade.

Licenciada en Matemáticas e directora da súa propia academia, Leira acumula varios premios literarios con pezas poéticas e narrativas. «Non teño un xénero predilecto, de feito preciso combinar os dous para sentirme realizada literariamente. Moitas veces depende do momento emocional que estea vivindo», advirte a escritora afeccionada, que cre na combinación de traballo, a persistencia e unha «miguiña» de sorte á hora de gañar premios. Á pregunta de por que escribe responde de forma taxativa: «Escribo porque o necesito para ser feliz». E engade que a escrita é unha preferencia que ten dende cativa e que a axudou «moito» en determinados momentos da vida: «É un modo de baleirar emocións, de entenderme mellor e, sobre todo, de evadirme da miña rutina diaria». Enganchada á novela policial e de misterio -Agatha Christie e Mary Higgins Clark figuran entre as súas autoras favoritas-, a Leira parécelle que a poesía galega actual é «das máis potentes do ámbito nacional», e subliña nomes como os de María do Cebreiro, Yolanda Castaño ou Miro Villar.

Educación multiplicada por tres é o que propón ela para combater a vulnerabilidade das mulleres: «Creo que a formación é a ferramenta máis potente para que as mulleres poidamos enfrontar un mundo que moitas veces nos é adverso. Non podemos evitar os comportamentos nefastos dos demais, pero fóra disto, a solución está en nós mesmas». A Rocío, que foi voluntaria da Cruz Vermella na etapa universitaria, preocúpalle a ausencia de valores como o do respecto polos maiores. «Tamén cambiaron a peor -engade- as relacións e referencias familiares, así como o modo de tratarnos os uns aos outros, pasando dun trato máis directo no que primaba o contacto visual e corporal a outro no que as leis veñen rexidas polo que nos marcan as pantallas». De feito prefire ler en papel, «sen ningunha dúbida: xamais leo nada en versión dixital, nin sequera a prensa, porque non son capaz de conectar cos contidos do mesmo feito que cando leo en papel».

A autora recoñece unha «certa» influencia da Costa da Morte na súa obra, no sentido de que o mar e as xentes da comarca son, e foron, protagonistas en moitos dos seus relatos e dos seus poemas. «Pero máis que dunha comarca en concreto creo que do que teño verdadeira influencia é do cosmos no que me movín dende a infancia», segundo matiza. Malia a súa afección literaria, a profesora declara que as matemáticas son a súa verdadeira vocación, a paixón que prevalece por enriba de todas as demais. «Aínda que matemáticas e literatura poidan parecer disciplinas totalmente opostas, penso que son máis ben complementarias. Por exemplo, o sentido da métrica e da rima da poesía aseméllase moito á métrica matemática», advirte.

Esta matemática, que di non usar practicamente a calculadora ­-«os matemáticos traballamos máis con letras que con números»-, conclúe que a literatura é unha ventá aberta, unha aprendizaxe continua non só intelectual senón tamén emocional, que pode servir para enfrontarse ao mundo en mellores condicións: «Creo que as mentes cultas teñen maiores vantaxes para abordar os problemas e sobrelevar mellor os contratempos». Rocío chegou a Santiago chorando, pero cando terminou a carreira tiña claro que quería vivir e traballar aquí, «porque Santiago acaba namorando»; agora ben, non perdoa nunca as fins de semana nin as vacacións na Costa da Morte.

A protagonista. Rocío Leira Castro, nacida en Cee e veciña de Santiago, é matemática de profesión e escritora afeccionada.

Premio. A autora é a gañadora do Premio de Relato Curto que convoca a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, co patrocinio de HM Hospital La Rosaleda, co relato titulado «Paxaros caídos».

Acto hoxe. Rocío Leira recollerá a súa distinción hoxe no salón de actos da Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos), ás 19.30 horas.