Domingo de Andrade, homenaxeado no Día das Artes Galegas

x. a. CARBALLO / LA VOZ

CEE

FOTO FUENTES

Os actos foron aprazados a causa do estado de alarma, pero o arquitecto ceense será recordado con charlas e exposición

02 abr 2020 . Actualizado a las 13:18 h.

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) conmemora hoxe o día das Artes Galegas 2020, xornada que dedica ao arquitecto, entallador e ratablista ceense Domingo Antonio de Andrade, un mestre do barroco que naceu na vila da Xunqueira no ano 1639. O plenario da RAGBA elixiu a Andrade na sesión celebrada o 29 de xuño do pasado ano. Á marxe da xornada de hoxe, ao longo do ano celebraranse actividades e xornadas para poñer en valor o legado artístico de Domingo Antonio e difundir a súa obra, que ten como principal espello a torre da Berenguela da catedral de Santiago.

Queda pendente aínda un calendario de datas a causa do vixente estado de alarma, pero a «Academia Galega de Belas Artes celebrará máis adiante o Día das Artes Galegas cun acto académico na capela do Hostal dos Reis Católicos», anuncia a entidade. Así mesmo, indica que, en colaboración coa Fundación Catedral, organizará un acto para o descubrimento dunha placa conmemorativa na tumba de Andrade, situada na capela da Concepción da Catedral de Santiago.

Cee tamén será escenario dun acto conmemorativo. O académico José Ramón Soraluce dará unha conferencia. Está prevista, así mesmo, unha exposición itinerante sobre a obra de Andrade. Farase en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e o Colexio de Arquitectos de Galicia. Os comisarios xa están traballando na mostra.

Por outra banda haberá un ciclo de conferencias nos lugares onde Domingo Antonio de Andrade realizou algunha obra, como

as catedrais de Lugo, Ourense e Tui, entre outros espazos.

Xosé Díaz Arias de Castro deseñou un cartel do Día das Artes Galegas. Fíxoo a partir do retrato do arquitecto ceense que está exposto na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, obra do pintor e académico Felipe Criado, finado no 2013.

En Santiago, Domingo de Andrade deixou máis obras, como a Casa da Parra e a Casa da Conga, así como as escaleiras de Santo Domingo, que co seu deseño serpenteante e innovador sentaría un precedente único.

O arquitecto ceense, que morreu en 1712, foi un artista de proxección universal. Estudou na Facultade de Artes da Universidade de Santiago. En Cee dedicáronlle unha rúa e un monumento sendo alcalde Manuel Castro e Xosé Cañizo edil de Cultura.