Pasos para atopar vida noutros planetas

david castiñeira

CEE

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe David Castiñeira | Calquera de nós, incluso sen telescopio na casa, e mesmo dende Lires, pode participar na busca

14 feb 2021 . Actualizado a las 20:48 h.

O máis divertido de traballar en sistemas de intelixencia artificial e big data é a posibilidade de resolver problemas moi distintos coas mesmas ferramentas computacionais. É dicir, os mesmos algoritmos e secuencias que valen para predicir o alzhéimer, pois valen tamén para intentar predicir terremotos ou cortes no subministro de auga en Tanzania. Deses problemas podo falar outro día, hoxe quero contar como aplicar intelixencia artificial a temas de astronomía.

Se todo vai ben, neste mes de febreiro imos ser testemuñas de como tres misións robóticas chegan ao planeta Marte. Estas misións (unha delas liderada pola NASA de Estados Unidos, outra polo axencia CNSA de China, e outra polos Emiratos Árabes Unidos) queren intentar responder unha pregunta: ¿Existe vida noutros planetas? No caso de Marte a pregunta sería se nalgún momento houbo vida alí (as condicións de Marte hoxe en día non son favorables para a vida de ningún tipo).

Neste tema de atopar vida noutros planetas, eu polo menos son dos que opina que habela, haina… o conto é atopala. O curioso é que calquera de nós, incluso sen telescopio ningún na casa, e incluso dende Lires, podemos participar nesta busca. Vexamos como.

Primeiro paso: decidir onde imos centrar a nosa pesquisa. O Universo é grande… demasiado. Puidese ser que exista algún tipo de vida no noso sistema solar (hai teorías e algún dato que apoian a posibilidade de atopar vida, aínda que sexa dunha moi primitiva e simple, na atmosfera de Venus ou quizais nalgunha das lúas de Xúpiter ou Saturno).

Sexa como sexa, o de buscar vida por estas latitudes planetarias non é unha aposta segura, e a posibilidade real de atopar vida intelixente é ínfima. Quizais sexa máis efectivo ampliar o noso horizonte e mirar noutros sistemas solares. Que conste que hai para escoller (estímase que na Vía Láctea, pode haber tranquilamente 200.000 millóns de estrelas, algunhas das cales podemos ver a simple vista… cando non chove, claro. E por galaxias que non sexa tampouco; falamos de polo menos de 2 billóns de galaxias que poden existir no Universo observable). Polo tanto temos dabondo onde buscar.

Segundo paso: identificar exoplanetas. As estrelas non son lugares nos que imos atopar gran cousa (falamos de auténticos infernos onde se producen reaccións termonucleares a millóns de grados de temperatura). A aposta máis segura sería buscar exoplanetas (é dicir, planetas que orbiten arredor dalgunha desas estrelas). E aquí é onde imos sacar o noso ordenador e conectarnos á base de datos do telescopio espacial Kepler da NASA, que é de acceso público. Este telescopio, de feito, foi lanzado ao espazo no ano 2009, e durante nove anos estivo tomando medidas do brillo de polo menos medio millón de estrelas. Así, observando posibles cambios de brillo que nos chega destas estrelas, entón pódese detectar, aínda que sexa de forma moi sutil, se un planeta está transitando por diante da propia estrela. Non só iso, senón que se pode chegar a establecer o tamaño do exoplaneta, a distancia que nos separa del, a súa temperatura ou incluso a composición da súa atmosfera (se a ten).

BASILIO BELLO

Terceiro paso: identificar exoplanetas con potencial de vida. Aquí toca avaliar, entre todos eses exoplanetas, aqueles que puidesen ter condicións propicias para que exista vida.

En principio, se o noso concepto de vida é parecido ao que temos Terra, entón deberiamos centrarnos en exoplanetas que teñan condicións parecidas: coa temperatura adecuada para que exista auga líquida e unha atmosfera de osíxeno, con estacións para evitar condicións climáticas extremas de forma continuada, se cadra cunha lúa cerca que xere mareas e favoreza que a vida se traslade do mar á terra, quizais cun planeta grande como Xúpiter cerca para protexelo dos asteroides mais perigosos.

Cuarto paso: verificar a existencia de vida. Supoñendo que xa atopei un exoplaneta coas condicións adecuadas, ¿como verifico si existe vida aí? En principio poderíamos buscar sinais de fotosíntese (o cal indicaría a presenza de plantas, por exemplo). Se buscamos vida intelixente, entón poderiamos centrarnos en detectar sinais de polución atmosférica (o que indicaría actividade industrial posiblemente).

Quinto paso: aplicar intelixencia artificial. O que se plantexa aquí é deixar que un algoritmo de intelixencia artificial nos axude a resolver este problema. De feito estes algoritmos aliméntanse con datos, e en principio cantos máis mellor. No meu caso utilicei todos os datos dispoñibles a través do telescopio espacial Kepler da NASA, e para empezar o meu algoritmo xa aprendeu a determinar automaticamente se por aí andaba un exoplaneta ou non. Agora tócame avaliar co mesmo tipo de solucións se estes exoplanetas teñen as condicións propicias para a vida, se existen sinais de vida no mesmo, ou incluso se as hai de vida intelixente.

Se cadra, cun pouco de sorte, ata atopamos seres que falan galego e comen orellas e filloas coma nós.

DNI. David Castiñeira. É de Lires, Cee (se ben naceu nas Canarias en 1976), e enxeñeiro de formación. Ten o doutorado en Enxeñería Química e máster en Ciencias Computacionais pola Universidade de Harvard. No seu currículo tamén figura o seu labor no Instituto Tecnológico de Massachusetts (MIT). Desenvolve o seu traballo en Estados Unidos. Actualmente é director de Tecnoloxía da compañía QRI, especializada na aplicación da intelixencia artificial a sistemas de analítica de datos, sobre todo no sector industrial.