Jesús García Giménez: de Compostela a Cee para impartir música no Fernando Blanco

darío areas

CEE

Cedida

CRÓNICAS DO PASADO | Foi profesor do instituto da Fundación durante 43 anos e tamén os seus fillos exerceron a docencia no centro

18 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen dúbida, Jesús García Giménez (Santiago de Compostela 1863 - Cee, 1932), xogou un papel determinante no peso específico que ten a música na historia de Cee.

Jesús García levaba a música no sangue. O seu pai, Bruno García Moután, exerceu de organista da catedral de Santiago dende os 22 anos, praza que ganara por oposición e que desempeñou entre 1587 e 1903. O seu avó, Juan García, fora tamén organista na Coruña e o seu irmán Antonio foi un notable pianista e mestre de referencia na capital de Galicia.

Cursou Jesús a primeira e segunda ensinanza en Santiago, estudando ademais baixo a tutela de distintos profesores solfexo, canto, piano, órgano, violín, frauta e contrabaixo.

En 1881, cando contaba con apenas 18 anos, aparece anunciado no xornal Gaceta de Galicia como afinador de pianos e órganos, ademais de ofrecer os seus servizos para dar leccións de solfexo e piano, e aceptando encargos en composición de música relixiosa e profana.

Foi organista, suplindo ao seu pai na catedral e na igrexa da Compañía de Santiago durante doce anos, co beneplácito do deán e do cabildo de Compostela.

No 1884 exerceu de director da orquestra da Compañía de Zarzuela que actuou nos teatros de Pontevedra, Tui, Ourense e Huesca.

Exame

En 1885 foi examinado de órgano e canto en Madrid por unha comisión de profesores nomeada ao efecto polo mestre José Ildefonso Jimeno de Lerma, sendo aprobado e admitido como integrante da orquestra dirixida por dito mestre.

A finais do 1886 entrou a formar parte como pianista no sexteto Curros dos irmáns Gómez Veiga, ingresando á vez como segundo violín na orquestra da catedral de Santiago.

Con este magnífico currículo, e a piques de cumprir os 25 anos, concretamente no mes de outubro de 1888, establécese en Cee, pois foi nomeado profesor de música e organista do instituto da Fundación Fernando Blanco, xusto no momento no que na entidade comezan as súas ensinanzas musicais.

No curso de 1888-1889 ensinou solfexo, canto e piano, e no de 1889-1890 e seguintes agregou a ditas ensinanzas as de violín, frauta e contrabaixo.

No ano 1893, coa valiosa cooperación da Fundación, fundou o Orfeón Ceense, ao que dedicamos o artigo aparecido na Voz de Galicia do pasado 19 de marzo, así como unha rondalla de dezaseis mozas.

En marzo de 1890 foi comisionado polos fideicomisarios da Fundación Fernando Blanco para estudar en París o mecanismo do harmonio Mustel que se empregaba na capela do instituto. «Para esta comisión recibió 750 pesetas, cuyo sobrante de 171,50 pesetas recibió como gratificación», pode lerse na memoria do curso 1890-1891.

Banda

Jesús García dirixiu tamén a Banda de Música de Cee, substituíndo no cargo a Andrés Sacristía Expósito, ex sarxento mestre de cornetas do rexemento de Infantería de Saboya número 6, que traballaba no economato da Fábrica de Carburos Metálicos. Tan só estivo ao fronte dela no bienio de 1925-1927, presentando a súa dimisión polos problemas económicos da agrupación, e sendo reemprazado polo recoñecido Manuel Rebollar Martínez.

Curiosamente a relación de Jesús García Giménez coa Fundación Fernando Blanco foi moi estreita, pois non só estivo de profesor corenta e tres anos, senón que se deu a casualidade de que casou en primeiras nupcias con Fermina Fernández, mestra da Escola das Nenas, e en segundas nupcias, tras enviuvar, con Guadalupe Pueyo, tamén mestra da mesma escola sostida pola Fundación. Os seus dous fillos, Ofelia e Jesús, tamén foron profesores da Fundación. A primeira herdou, tralo pasamento de Jesús, o posto de profesora de música que el ocupara dende 1888, e o segundo foi mestre da escola de primeira ensinanza de nenos durante moito tempo.

Ninguén hoxe lembra a Jesús García Giménez, pois pasaron xa noventa anos do seu óbito, pero si que moita xente ten vivo o recordo dos seus dous descendentes, posto que ademais do seu labor docente, era habitual velos participando musicalmente en misas, enterros ou funerais tanto en Cee coma na contorna.