«María Casares. A impaciencia por vivir», o novo de María Canosa

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

Cúmprense cen anos do nacemento da actriz. Canosa publica esta obra, ilustrada por Bea Gregores, coa editorial Bululú

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten a ceense María Canosa nova obra publicada. Unha obra ilustrada por Bea Gregores e saída á rúa baixo o título María Casares. A impaciencia por vivir (editoral Bululú). «É habitual pensar que somos o produto ou o resultado das nosas circunstancias. Porén, esta afirmación debera esmigallarse, pois o froito final pode ser o éxito de enfrontarse e sobrepoñerse á rutina imposta, á tradición familiar, ao pasado que nos esmaga para dirixir o futuro. E aí, moitas veces, as habituais contradicións persoais, as luces e sombras que nos definen e das que María Casares nunca fuxiu». Palabras iniciais deste libro que falan ás claras do que virá nunha obra que chega a altura deste 2022, ano do centenario do nacemento da actriz coruñesa (1922-1996). Unha muller sobreposta ás adversidades.

Tamén en Bululú Canosa ten publicado Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa. A escritora ceense non deixa, doutro lado, de recoller galardóns. Logo do Anisia Miranda de Teatro, hai case nada, o Follas Novas na categoría de divulgación por H2...OH!!! Pingas científicas. María, ademais, vén de representar á literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires, na Arxentina.