A alcaldesa presentou con cariño este sábado ao pregoeiro, Víctor Castiñeira
14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Boa noite Cee
Un novo agosto chega aos nosos calendarios.
Por fin, logo de dous anos, as rúas amencen engalanadas, vestidas con cores, festeiras…
Arranca a Xunqueira 2022. Tempo de encontro coas persoas queridas, familiares e amigos chegados para a ocasión.
Volve a ser un agosto como os de antes, un agosto de pregón na Alameda.
Por fin, podemos xuntarnos debaixo destas árbores, que ano tras ano foron (e seguirán sendo) testemuñas silenciosas da celebración da semana máis importante de Cee: as festas da Xunqueira.
Unhas festas organizadas neste ano íntegramente polo Concello e pensadas para todos. Para os MÁIS CATIVOS que, cos ollos iluminados de ledicia, xa rebulen coa ansia de probar todas as atraccións e co momento de mirar ao ceo abraiados polas cores e estoupidos dos fogos de artificio. E para os NON TAN NENOS ao comprobar que desperta en nós unha ilusión coñecida que nos fai lembrar aquela ansia infantil por estrear roupa e zapatos para a festa, pola comida especial, polos bailes e atraccións e, como non, pola xuntanza con persoas queridas.
É unha honra iniciar con vós a conta atrás dun dos momentos máis salientables deste ano ceense. Momento no que sentimos unha dose extra de orgullo polo noso pobo e a súa xente.
E se de alguén nos sentimos orgullosos, é do noso estimado pregoeiro Víctor Castiñeira.
En Cee podemos presumir de grandes artistas, grandes oradores, grandes profesionais… e este ano, ademais, podemos presumir con máis razón xa que Víctor Castiñeira é o Técnico de Cultura do noso Concello. Licenciado en Xeografía Historia e investigador que realiza un papel encomiable na divulgación da historia de Cee.
En concreto, neste ano 2022, no contexto do Ano Santo Xubilar e da coroación canónica da Virxe da Xunqueira, está centrado no estudo profundo da historia da nosa parroquia, para publicar un libro cos fitos máis importantes que aconteceron nos últimos séculos.
Sen dúbida, se había unha voz neste concello que merece ser escoitada nun día coma hoxe, é a de Víctor. Porque ademais do seu incuestionable labor como profesional, é un ceense dos que escollen Cee, dos que levan o noso modo de vida por bandeira. Dos que deciden que Cee non é “un” lugar. Cee é “O” lugar.
E por iso, compráceme dar paso a este compañeiro e amigo que co seu traballo marcará un fito na historia da nosa vila.
Desexo para todos uns días cheos de felicidade, nos que ilusión renovada nos enche de ledicia para compartir, desfrutar e sentir.
Felices festas da Xunqueira e San Roque 2022 !!