CRÓNICAS DO PASADO | Faleceu na Habana (Cuba) o 5 de abril de 1875, mais os seus restos non chegaron á capela do Instituto que leva o seu nome en Cee, onde repousan, ata catorce anos máis tarde...
24 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Fernando Blanco de Lema faleceu na Habana (Cuba) o 5 de abril de 1875, mais os seus restos non chegaron á capela do Instituto que leva o seu nome en Cee, onde repousan, ata catorce anos máis tarde do seu pasamento: o 7 de abril de 1889. Polo tanto, podemos deducir que o magnífico mausoleo de mármore branco da capela non foi a súa primeira morada logo da súa morte.
O seu testamento, no que o prócer establece que se funde na súa vila natal un Instituto de segunda ensinanza, nada di ao respecto de onde desexa que repousen os seus restos. Son os seus testamenteiros, Juan Álvarez e Brígido Zavala, os que deciden que debe ser soterrado no seu país de adopción, Cuba, concretamente no Cemiterio Xeral da Habana, mais coñecido coma Cemiterio de Espada. Este camposanto, xa desaparecido, inaugurárase no ano 1806, e fora auspiciado polo bispo Juan José Díaz de Espada. A súa construción respondía a unha Real Cédula de Carlos III que obrigaba aos concellos a levantar cemiterios municipais en lugares apartados dos núcleos urbanos, acabando así co costume de inhumar en igrexas e conventos. Os restos de Blanco de Lema repousaron no citado camposanto durante algo máis de sete anos.
A finais de 1882 os testamenteiros cambiaron de idea, e decidiron, con bo criterio, que o mecenas debía estar soterrado na capela do Instituto que mandara fundar, para que a veciñanza puidese render o tributo, que ben merecía, o veciño que tanto mirara polo futuro de Cee. E así, o 3 de xaneiro de 1883, chegaron á súa vila natal os seus restos acompañados da lápida sepulcral que pechaba o nicho da súa anterior morada cubana.
Nese momento, o Instituto estaba en pleno proceso de construción, non podendo cumprirse inmediatamente a vontade dos testamenteiros, e trala pertinente solicitude, recibiuse a excepcional autorización do arcebispo de Santiago, Miguel Payá y Rico, para que Fernando Blanco fose enterrado nunha alacena que se atopa no altar maior da igrexa de Santa María da Xunqueira. O solemne acto fúnebre foi oficiado por dezasete sacerdotes e a el asistiron, como se recolle no Libro IV de Defuntos da Parroquia, as autoridades de Cee e de Corcubión, así como moitísimos veciños de ambas localidades, como clara e evidente mostra de cariño e agradecemento.
Seis anos, tres meses e catro días foi o tempo que Fernando Blanco descansou na Parroquial de Santa María da Xunqueira, pois o 7 de abril de 1889 tivo lugar a translación das reliquias do magnánimo fundador ata o seu lugar de repouso definitivo, que non foi outro que a capela do actual IES Fernando Blanco de Cee.
Ese día, ás catro da tarde, un inmenso xentío, o persoal do centro, autoridades, nenos e nenas das escolas portando velas, e catro porteiros vestidos de gala, partiron do Instituto camiño da igrexa de Cee, acompañados do compás dunha marcha interpretada pola Banda de Música de Muros. Na igrexa foron recibidos polo párroco,que fixo entrega da chave da caixa na que se atopaban as cinzas do mecenas, caixa que foi colocada nunha luxosa anda, poñéndose de novo en marcha a comitiva, desta volta en dirección ao Instituto.
Percorridas as principais rúas, ás seis da tarde entraron na capela, e a caixa foi depositada nun luxoso coxín recuberto de veludo e ouro. Tralo discurso de Joaquín Domínguez, capelán do Instituto, abriuse a caixa, e tódolos presentes puideron ver os restos do seu ilustre paisano, para a continuación depositalos no sarcófago de mármore preparado para tal fin. Dende ese día, 7 de abril de 1889, o Instituto conta coa maior xoia coa que podía contar, pois nel descansa o home co que Cee ten contraída unha eterna e impagable débeda, pois proporcionoulle á veciñanza educación e cultura de primeiro nivel, algo que naqueles tempos era unha verdadeira utopía nunha pequena vila do rural galego.