Paco Lodeiro: «Confiamos en que veña alguén da Costa da Morte e poida levar o bote»

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CEE

Cee acollerá mañá mesmo un novo cásting para o concurso «Atrápame se podes»: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. Só fai falta unha cousa para presentarse: ganas. 

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A poucos quilómetros de Benasque, Huesca, está a Cabaña del Turmo, a que Celtas Cortos mencionaba na súa emblemática canción 20 de abril. Esta foi a peza elixida por Fran Rodríguez en Radio Voz Carballo para presentar a súa conversa con Paco Lodeiro. «Estaremos máis cerca de Bergantiños que na canción», di o popular presentador, pero o de 20 de abril ten xustificación. Ese día haberá cásting en Cee para o concurso Atrápame se podes, producido por Voz Audiovisual e conducido por Lodeiro. Será, pois, mañá, na Praza do Mercado se non chove, ou no centro comercial de facer mal tiempo: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.

—Nova parada na comarca.

—Ata alí iremos, confiamos en que veña xente da Costa da Morte e poida levar o bote, para así eu librarme dese estigma que me rodea na miña vida cotiá. Un bote que xa pasa algo ben dos 80.000 euros.

—Que éxito de programa, non?

—Estamos contentos. Cando un traballa para entreter á xente, sempre o fai coa mellor das vontades, pero logo o éxito é ver que a xente o sigue, que teña a ben acompañarte, e a verdade é que esta etapa do Atrápame non podería ser mellor. Temos unha audiencia que nos visita cada noite.

—Temos un colaborador, Diego Ferreiro, que participou, fixo un bo papel e agradeceu o trato.

—A xente soe personalizar no que ve diante da cámara, pero un equipo que fai un programa é moi amplo, capitaneado no noso caso por Iago García. Un equipo que é unha selección, como o Bergantiños, de primera categoría.

—Pero descendemos...

—Non, non, hai que falar en positivo, e aí están ademais as promesas da Escola Luis Calvo, como Telma, unha rapaza do alevín. Para que vexas que estou ao día da canteira! Teño que dicir de feito unha cousa: a primeira entrevista na TVG a un xogador do Bergantiños chamado Angeliño foi nun programa que se chamaba Pequeno Gran Show. Xa apuntaba maneiras, tiña nove anos.

—Podemos dicir que o cásting xa é unha parte máis do concurso?

—Diría que si. Nós pretendemos que no concurso participe unha representación do que é o universo galego. Temos xente de máis e menos idade, do rural e do urbano, máis popera, máis verbeneira... Queremos que todo o mundo teña un oco, esforzámonos niso.

—Hai boa participación?

—Depende das tempadas! Eu creo que no verán a xente apúntase menos, e no resto do ano máis, pero isto é unha apreciación. Aínda así si que hai respaldo, a xente é consciente de que é un programa no que non sei vai a sufrir, vaise a intentar levar o bote, que non é doado. Se o leva, ben, e, se non, pois goza da estadía: esa é a miña misión, que alí estean ben, contentos, que se poñan o menos nerviosos posible.

—E ao outro lado da pantalla aprendemos un lote de cousas.

—Unha das cousas boas do Atrápame é que un fai así unha aposta a punto, sobre todo en información a nivel comarcal. Saber que pasa nun sitio, noutro, cales son as súas características gastronómicas, musicais... Hai moita xente que está coñecendo os novos grupos en Galicia, Grande Amore ou Ortiga, grazas ao programa, que permite actualizarse.

—Que fai falta para o cásting?

—Nada, só ter ganas de ir ao concurso, non pedimos nada máis. Non fai falta ser un Jorge Mira para vir ao Atrápame [ri], aínda que se quere vir tamén lle deixamos. O que procura o concurso é un coñecemento transversal, o mesmo hai que saber en que orquestra canta Noly ou en cal estaba Laura Añón, que seguro que por Bergantiños sabedes, ou en que equipo xoga hoxe Angeliño ou seu irmán, que tamén promete. Ou onde está a mellor carballeira. Son informacións que non están no deseño curricular das carreiras. Pode ir, pois, calquera.

—Galicia é toda unha verbena.

—Que vou dicir eu, seareiro incondicional, agora menos practicamente, máis nostálxico, por idade. A música non se pode deixar, pero a verbena a certas idades hai que tomala en doses menores. Seguir o ritmo de César Romero e a Cinema resulta complicado, seguir o dos Satélites é máis levadeiro, mirar á Panorama é un gusto e bailar coa París... Sempre hai algo do que gozar.

—Gusta ver veciños na tele.

—Miña nai é de Mondoñedo, meu pai de Abegondo, coñecéronse en Venezuela. Miña nai está esperando que saia un de Lugo e gañe, e meu pai quere mellor un das Mariñas-Arteixo, para que vexas. Está ben esa rivalidade nas casas e que cada un se acariñe cun dos concursantes. Saúde, sorte e que caia o bote!