Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Plácido Baamil Sambad, un apaixoado da música tradicional

Xan Fernández Carrera

CEE

XESÚS BÚA

Natural de Porcar, en Lires, Cee, recibirá este vindeiro domingo unha homenaxe: 12.00 horas, auditorio Baldomero Cores

11 ago 2023 . Actualizado a las 19:43 h.

Plácido Manuel Baamil Sambad naceu un 27 de novembro de 1943 en Porcar, un pequeno núcleo rural duns 50 habitantes da parroquia de San Estevo de Lires (Cee, A Coruña), de onde era o seu pai. A súa nai viñera de Nemiña. Na Pereiriña cursou os seus estudos primarios. Aos 16 anos decidiu ir para a SICAR, un estaleiro de Cee do empresario Marcelo Castro para aprender o oficio de torneiro. Dous anos despois toma o camiño cara a Suíza, onde comezaría a súa longa etapa como emigrante na cidade de Xenebra. Alí perfeccionou a aprendizaxe do seu oficio.

Traballou en varios talleres e na empresa Hispano Suíza e tomou contacto co movemento sindical, pois a el sempre lle gustou defender os dereitos dos empregados nas empresas nas que traballou e axudar a aqueles compañeiros que tivesen problemas no traballo. Xunto con outros sindicalistas emigrados colaborou co sindicato Comisións Obreiras, cando aínda en España se movía na clandestinidade. Enviaban axuda económica para os membros desta organización que estaban no cárcere. Na emigración coñeceu a Consuelo Cano Sans, unha cordobesa que sendo nena, os seus irmáns levárana para Xenebra. Andando o tempo casaría con Plácido e terían dous fillos: José e Raúl, que naceron no país helvético.

O afán de superación no traballo Plácido tamén o mostrou na aprendizaxe da música tradicional, unha das súas grandes paixóns. Desde neno xa lle levou idea aprender a tocar algún instrumento. Cun punteiro que lle regalara o seu padriño practicaba pezas que lle escoitaba aos gaiteiros da fábrica de Brens ou ao Pesco de Nemiña cando tocaban nalgunha festa.

En Suíza mercou un acordeón pequeno e practicaba con el a diario, pero o tempo era limitado e as horas do día non chegaban para todo o que el pretendía facer e tivo que elixir entre a superación no traballo ou a música, e decidiu deixar a opción que máis lle gustaba e viuse obrigado a desfacerse do acordeón.

Anos máis tarde mercaría unha gaita e comezou a recuperar algunhas das pezas que aprendera de rapaz. Logo tomaría contacto co centro galego de Xenebra, onde impartiría clases de gaita e chegaría a formar un grupo de música e baile denominado Grupo Folclórico A Nosa Galiza. Con el chegou a actuar en moitas localidades de Suíza e zonas limítrofes de Francia.

Plácido era consciente de que tiña que mellorar no dominio da gaita, por iso contactou con Xosé Lois Foxo, que daba clases deste instrumento en Barcelona. Viaxará varias veces á cidade condal para asistir á clase deste profesor galego.

Cando o grupo folclórico A Nosa Galiza se consolidou, foi un dos impulsores dun Encontro de agrupacións de centros galegos de Suíza na cidade de Lausana, coa intencionalidade de coñecerse, aprender uns dos outros e intercambiar experiencias de formación. A partir desta primeira edición, volveranse a reunir noutras cidades suízas onde había grupos deste tipo. Logo poñerase en contacto coa coral Cántigas da Terra para que impartise cursos de gaita, pandeireta, baile e canto naqueles centros galegos interesados e que puidesen pagar os gastos que ocasionaría esta actividade. Máis tarde o goberno da Xunta de Galicia subvencionaría a profesores para que cumprisen esta misión en distintas agrupación galegas do país helvético.

XESUS BUA

A inquedanza musical de Plácido tamén o levou a aprender a tocar a zanfona. Comezou a practicar este instrumento en Suíza e logo continuaría ao volver da emigración. Cando se instala definitivamente na súa casa de Porcar, comezou a relacionarse con agrupacións ou persoas que interpretasen música tradicional. O primeiro grupo co que actuaría sería coa Charanga de Fisterra. Logo a directiva da Asociación de Veciños da Pereiriña falou con el para que lle dese clase de gaita. Ao pouco tempo logrou formar un grupo de bos gaiteiros, que chegarían a conseguir varios premios en distintos concursos.

En Lires, a súa parroquia natal, montou a danza de arcos, que se perdera, recuperándoa de persoas maiores que participaran nela había anos e impartiu clases de gaita e percusión, sacando adiante outro grupo musical. Tamén impartiría clases noutras asociacións da contorna como en Brens ou no Pindo.

Ademais de manter esta relación intensa coas asociacións locais, impartindo clases ou colaborando en actuacións, Plácido tamén se relacionou con persoas ou grupos de fóra da Costa da Morte. Ben tocando a gaita ou a zanfona, con esta última ten actuado con Miro Casabella, Óscar Fernández ou Antón Santamarina.

Pola súa intensa actividade na difusión e na defensa da música tradicional galega tanto na súa etapa de emigración suíza, como despois do regreso á súa terra natal, Plácido Baamil, sería un dos persoeiros propostos no ano 2009 para a medalla Fernando Blanco, xunto con outras persoas destacadas da sociedade ceense.

A súa casa de Porcar está sempre aberta a calquera que o visite ou que queira tocar con el. Para isto construíu ex profeso un local, no que ten todo tipo de instrumentos musicais, lugar de ensaio e actuación para momentos de xuntanza dos amantes da música tradicional.

Por todo este intenso labor en defensa do noso folclore, pero tamén pola súa participación desinteresada en calquera actividade musical á que sexa convidado ou pola súa afable personalidade, ten ben merecida a homenaxe que un grupo de amigos lle vai brindar este domingo 13 de agosto ás 12 horas no auditorio Baldomero Cores de Cee, na que a música tradicional, que tanto el aprecia e ama, será a protagonista.