Ainhoa Conde Castro: «Levo a Costa da Morte por bandeira»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

Gentes del Finis Terrae | A gañadora do certame Territorio Vákner para adultos ten dúas novas obras no horizonte

04 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A medio camiño entre a prosa e a poesía, a ceense Ainhoa Conde Castro (1997) compuxo para este pasado sábado un texto que ben podería ser relato literario. Fíxoo para recoller e agradecer o galardón que lle foi entregado no albergue do Conco, o primeiro premio na categoría de adultos correspondente ao certame literario Territorio Vákner, convocado por La Voz de Carballo e Concello de Dumbría. Mereceuno con Querida Catalina. «Levo a Costa da Morte por bandeira, fale do que fale, e escriba do que escriba, sempre ten que haber aí un detalliño», explicou en Radio Voz Carballo acerca das súas loubanzas á comarca. Formada en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo na Coruña, compaxina a inspección coa escrita.

—Cóntenos. Que sabor lle deixou este acto e este galardón?

—Sentime francamente feliz, tanto no propio Conco, polo acto tan bonito que se puido levar a cabo, como polo feito de poder entregar esa mensaxe que entreguei. Cando compuxen o texto, o único que quería era crear unha metáfora que fixese pensar un pouco nesas historias das que só coñecemos unha parte e que, xa de entrada, asumimos que son certas, cando moitas veces nin sequera nos paramos a imaxinar que podería expoñer a outra. Eses silencios que agochan tantas historias.

—É algo, como expuxo, que non só lle ocorre ao Vákner. Tamén na vida real. Que a inspirou?

—Elementos da vida cotiá e diaria, historias que sempre ocorren entre veciños, entre familias, cousas que se saben de amigos...

—Fálanos dende Madrid, onde exerce como inspectora de seguridade marítima. Confesaba na súa intervención en Dumbría ese amor pola Costa da Morte. Volve á casa cada fin de semana.

—Efectivamente. De feito acabo de chegar a Madrid, ás oito da mañá [onte]. Todos os martes ás catro da madrugada estou en pé para coller o bolso e vir traballar a Madrid. E todos os xoves pola noite, volta á casiña, é a miña maior inspiración e ledicia.

—Ve máis preto ese retorno definitivo a Galicia do que xa ten falado outra ocasión? E que hai dese soño de voar, de pilotar?

—Ogallá puidese volver pronto a Galicia, pero sei que hai moitas posibilidades de que, como mínimo, deba estar en Madrid uns cinco anos. Apenas levo dous e medio. Tamén segue aí ese soño de voar, a pesar do impedimento físico que é a miopía magna. A ver se un día podo enfrascarme nese proxecto tan anhelado dende que teño cinco anos de idade.

—Combina ceo e mar na vida e poesía e prosa na escrita. É quen de elixir ou prefire combinar ambos xéneros como fixo na súa obra «Devotos do destino»?

—De entrada adoito dicir que me gusta a prosa, pero acábome dando de conta de que á xente sempre lle chama a poesía. Entón imaxino que acabo enredando nunha especie de narrativa lírica, encántame crear prosa con sonoridade, con musicalidade. Aínda así, dentros dos meus proxectos está crear un especificamente de prosa, a ver se son quen [ri].

—Na primera edición do certame de adultos Territorio Vákner acadaba un sétimo posto. Na segunda, o primeiro, este ano con dotación económica de 2.000 euros. Que lle chamou do certame?

—Entereime do concurso porque a miña nai o viu lendo a prensa, en La Voz, e avisoume. Para o do ano pasado cheguei un pouco tarde, eran os últimos días para presentarse, e fun algo apurada. Para este quedeime co dato, gustoume, estiven analizando un pouco a figura do Vákner, percorrendo ben esa zona do Camiño para familiarizarme con el, para inspirarme. Agardaba polo certame e tiña ganas de crear esta historia.

—Avanzaba en Dumbría que o 13 de outubro desvelará nova obra. Pode avanzarnos algo dela?

—Aos meus queridos devotos sempre os fago participar nunha especie de xogos a través das redes. Adiviñanzas para poder ter con eles unha interacción máis de preto, con cada obra, con cada publicación. O día 13, como numeroloxicamente coincide co número 3, que todos eles saben que me encanta, darei a coñecer ese título da miña segunda obra. Será de carácter autobiográfico, iso si o podo dicir, nun formato diferente a Devotos e nun formato diferente ao de novela. Aínda que cambio de idioma ao castelán, tamén haberá partes en galego.

—E no 2024, dixo, unha novela, tamén de corte autobiográfico. Por que? Que desexa contar?

—En todas as miñas presentacións-espectáculo presentei un texto inédito, un por cada unha, e houbo un deles, que a pesar de non publicalo nunca nin en redes nin nun libro, calou moitísimo neses devotos. Síntome en débeda con eles, e creo que se tanto lles entusiasmou ese texto, agora teño que darlles a historia completa.

—Non pinta mal o novo ano.

—Imos acollelo con ilusión, agradecendo eu estas oportunidades que estou tendo, así como o apoio da miña xente. Sempre están aí.