O BNG pide a volta da Feira do Libro de Cee para este vindeiro agosto 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

ANA GARCIA

Con motivo do Día do Libro organizan os nacionalistas, doutro lado, unha semana de obras viaxeiras 

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Cee presentou no Rexistro do Concello unha petición para que a Feira do Libro, referente durante anos na vila, se recupere este mes de agosto, coincidindo coas celebracións da Xunqueira. «A feira do libro de Cee foi referente literario da comarca durante moitos anos, desde que no 1988, e da man da concellería de cultura en mans do BNG, e do daquela portavoz e concelleiro Pepe Cañizo, se celebrase a primeira edición. Durante os case vinte anos de vida, numerosos persoeiros da literatura teñen pasado polasdistintas edicións, desde Xosé Neira Vilas e Avilés de Taramancos, até os locais Miro e RafaVilar, Concha Blanco e María Canosa ou os irmáns Creus», trasladaron nun comunicado. «A feira do libro de Cee era agardada polos amantes da literatura, e pola veciñanza de Cee,durante todo o ano, e facía parte importante dos numerosos actos festivos e culturais que cada agosto se dan na nosa vila. Unha decisión pouco afortunada fai uns anos, fixo que se deixase de celebrar, polo que consideramos que neste 2024 e dadas as circunstancias sociais e económicas, é un momento axeitado para recuperar o que nunca se tivo que ter perdido», declarou Serxio Domínguez Louro, portavoz do Bng de Cee.

Iniciativa polo 23 de abril

Doutro lado, festexarán os nacionalistas este Día do Libro, 23 de abril, cunha semana —dende onte ata o 28— na que obras «esquecidas no caixón» gañarán outra vida. Poñeranas a dispor de quen queira en Foxas, O Recreo, Rock Corner, Bar Raíces e A Braña (Lires). Os interesados poden achegarse e levar un libro para a casa e, se o teñen a vén, deixar algún tamén.