Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Plácido Baamil, na homenaxe recibida en Cee: «Dádesme vida»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CEE

«Non hai dúbida do seu compromiso», afirmou a alcaldesa, Margarita Lamela

13 oct 2024 . Actualizado a las 23:29 h.

Coa saúde aínda a voltas, «pero o corazón cheo», Plácido Baamil Sambad recibiu onte do Concello de Cee a homenaxe que tiña pendente dende maio: «Dádesme vida, non creo que merecera tanto». «Cada un vai á feira co que ten, e eu aportei os meus graíños, fíxeno de corazón e facendo o que me gustaba de paso», afirmou, para logo pasar a lembrar os anos de emigración, a morriña, a alma: «Cando se está fóra dela quéreselle máis á terra».

O tributo a Baamil Sambad deu onte cumprimento a un acordo unánime da corporación, lembrou Margarita Lamela, alcaldesa, quen cualificou de «honra» o poder estar neste acto, non só como rexedora, senón como veciña. Non se cumpre con Plácido ese dito de que ninguén é profeta na súa terra, pois todo o pleno viu óptimo darlle o seu nome a unha aula da Escola de Música, a de gaita.

BASILIO BELLO

Nacido en Porcar (Lires), casado con Consuelo e pai de dous fillos, Baamil Sambad tivo sempre na música tradicional unha das súas paixóns. Impartiu clases, precisamente de gaita, no Centro Galego de Xenebra, e mesmo chegou a conformar un grupo de música e baile chamado A Nosa Galiza. Formado co profesor Xosé Luís Foxo, tamén impulsou encontros de agrupacións, e ese vencello cos sons da terra seguirían firmes cando volveu a ela.

BASILIO BELLO

Comezou de volta a Cee unha andadura por grupos do entorno, integrando a Charanga de Fisterra ou sendo mestre de gaita na asociación de veciños da Pereiriña ou en Brens e O Pindo. Coa casa sempre aberta ás visitas, habilitou nela un lugar de ensaio: «Non hai dúbida do compromiso de Plácido».

Ademais do diploma que acredita a concesión do seu nome a unha aula, recibiu onte o escudo de solapa do Concello.