Alumnado da Escola de Música Municipal ofreceu ata 25 pezas na Casa da Cultura
18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dende actuacións instrumentais «a solo» ata dúos, grupos e peche coa banda infantil, polo escenario da Casa da Cultura de Cee pasaron onte unhas 25 intervencións correspondentes ao Festival de Nadal da Escola de Música de Cee. Fernando Fraga, o seu director, explicaba horas antes en Radio Voz que para nada supón esta cita unha avaliación, senón a oportunidade de que, polo menos unha vez ao longo do curso, cada estudante suba ao escenario, xa sexa en formato solista ou acompañando outros instrumentos/voces.
Explicou tamén que iso do medo escénico é a miúdo máis cousa de adultos ca de pequenos, pois pola súa experiencia sabe que con 8/9/10 anos saen a amosar o que saben con total naturalidade: «Somos os adultos os que lle dámos máis voltas». Arredor duns 70 pequenos tomaron parte na cita de onte, agrupada por niveis —comezaron os máis pequeniños— e intercalando instrumentos, para rematar, tamén por cuestión de organización, coas agrupacións. É ben frecuente que entre familias e amigos o auditorio rexistre boa entrada, pois é un xeito de ver a nenos noutro contexto: «Están afeitos a velos tocando nas casas, pero nunha actuación hai un cambio, a situación é distinta». O repertorio foi obra colectiva do profesorado, mais sendo o tempo que é, tocou moito Nadal.
Baile, panxoliñas e musical que veñen
A Escola de Música de Cee é xa un referente comarcal. De toda ela lle chegan alumnos, dixo Fraga. Cee será nos vindeiros días tamén vila destino, coa gala de Arte e Movemento deste venres, as panxoliñas de Nadal do sábado ou o musical El mundo de los muñecos do domingo. Para isto último, entradas na biblioteca.