Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

As cláusulas testamentarias do filántropo Fernando Blanco de Lema

DARÍO AREAS DOMÍNGUEZ MUSEO FERNANDO BLANCO

CEE

Instituto Fernando Blanco de Cee
Instituto Fernando Blanco de Cee BASILIO BELLO

Cento cincuenta anos da Fundación Fernando Blanco en Cee

13 abr 2025 . Actualizado a las 14:31 h.

«(...) Sepan que yo, D, Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto, natural de la villa de Cée, provincia de La Coruña, (...), hallándome enfermo, en mi entero juicio y cabal memoria, (...), temeroso de la muerte y su hora incierta, ordeno mi testamento como sigue».

Así dá comezo o testamento que o 2 de abril de 1875 asinaba o filántropo ceense ante Miguel Nuño Santamaría, notario do distrito de Guadalupe da Habana. Ese testamento marcaría un antes e un despois na historia da vila da Xunqueira e na súa contorna.

Consta de 15 cláusulas e varias notas finais. Dado que estaba enfermo, da primeira disposición dedúcese que era consciente de que a hora da súa partida estaba próxima, e así encomenda aos seus testamenteiros que organicen o seu enterro e funeral, así como que encarguen «las tres misas del alma y las más que tengan por conveniente».

MUSEO FERNANDO BLANCO

A segunda cláusula utilízaa para declarar estar solteiro e sen fillos, «y al que pretenda lo contrario se lo niego por ser falso». Este feito, o de non ter descendentes, é determinante, xunto co amor ao seu berce natal, para ditaminar que se erixa en Cee un colexio de primeira e segunda ensinanza gratuíto. As seguintes cinco estipulacións están centradas en termos económicos, e declara que os seus bens consisten en accións de bancos e de empresas, letras e comanditas en sociedades de comercio, así como o efectivo que aparece na súa libreta bancaria. Tamén enumera depósitos sen interese que ten, pertencentes a distintos individuos.

MUSEO FERNANDO BLANCO

A partir da octava, e ata a última (15ª), enumera as doazóns ou legados a favor de persoas e entidades. Indica que se atopa aloxado na casa de Regla da Silva, viúva de Puente y Franco, que o estaba a coidar na súa enfermidade «con las atenciones, cuidados y desvelos de una madre», e dando a entender que esta señora atopábase en situación económica desafogada, estando como estaba auxiliada nos coidados do mecenas por dúas sobriñas «que no cuentan con la fortuna de su señora tía», outórgalles a cada unha 5.000 pesos en billetes do Banco Español como «debida recompensa que se merecen». Doa á Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia 2.000 mil pesos, e á Real Casa de Beneficencia y Maternidad da Habana, 4.000 pesos. Para os seus dous afillados, os irmáns Manuel e María Antonia Picetti, 2.000 pesos (el), e unha paga vitalicia de 50 pesos ao mes mentres viva (ela). 

MUSEO FERNANDO BLANCO

As máis significativas

As cláusulas 14ª e 15ª, as máis significativas, posto que nomea «albaceas, tenedores, administradores y partidores de mis bienes, con amplias e ilimitadas facultades y relevación de fianza» aos seus amigos Juan Álvarez-Baldonedo Losada e Brígido Zavala Aguirre para que, «no teniendo herederos forzosos y pudiendo por consiguiente disponer libremente de todos mis bienes, es mi última voluntad para que con dichos bienes y sus productos, funden en mi pueblo natal y casa en que nací, un Colegio de primera y segunda enseñanza que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal».

O testamento remata con notas adicionais. Nunha pon 5.000 pesos a disposición de varios curmáns carnais e fillos destes que se atopan na Península e que, «careciendo de bienes de fortuna y encontrándose pobres», desexa que queden socorridos, ordenando a que repartan a cantidade a partes iguais.

As tres seguintes e últimas notas fan referencia a préstamos que tiña concedidos, ordenando o seu cobro: 2.233 pesos en ouro a José Porrúa Valdivieso, avogado, político e xornalista nado en Corcubión e que foi alcalde de Cienfuegos (Cuba); 28.321,69 pesos á casa de comercio Bell & Cª; e 10.500,17 pesos a Augusto Merino. O inventario de bens ao falecemento de Fernando Blanco de Lema estaba valorado en 755.257,53 pesos ouro (3.776.287,65 pesetas), no que había que contabilizar accións de bancos, compañías de ferrocarril e empresas, dividendos, cupóns, letras, préstamos pendentes de cobro, as contas das que dispoñía no Banco Español da Habana e o efectivo que tiña no seu poder no momento do seu falecemento.