Dá peniña, pero é o que hai: O ego persoal do voceiro do PP de Cee, Jesús Picallo

Margarita Lamela TRIBUNA ABERTA

CEE

Ana García

13 abr 2025 . Actualizado a las 20:37 h.

O señor Jesús Picallo, voceiro do Partido Popular no Concello de Cee, comezou a súa andadura política repartindo uns panfletos facendo referencia á miña persoa como alcaldesa, con frases como «non estamos aquí por ser fillos de...», ou dicindo que «o que vai a facer un bo negocio comigo é o Concello de Cee».

O señor Picallo é reflexo desa mediocridade política que non ten capacidade de ver o interese común por riba do seu único interese persoal. Trata de ofender entrando no eido persoal, facendo alusión á miña familia e á miña profesión, pero como di o dito, non ofende quen quere senón quen pode..., e «a máis insultos, máis cultura».

O seu odio persoal cara a miña persoa necesita de paciencia e cultura, pero que non esqueza que a veciñanza de Cee coñéceo ben.

Lémbrolle ao señor Picallo que exerzo a miña profesión desde o ano 1995 como avogada, autónoma, sen percibir subvencións, nin axudas e

exérzoa dende a máxima liberdade, con independencia, sen deber favores a ninguén.

O egocentrismo do voceiro do Partido Popular vén marcado pola non superación da perda dunhas eleccións —pese ao despregue da súa campaña electoral— fai que se comporte coma «un neno malcriado» para non asumir a súa responsabilidade e non dar resposta a unha mera pregunta escudándose no titular de «estudar denunciar á alcaldesa».

Pois avante señor Picallo, e así poder facer limpeza ben feita, na que seguro saen cousas e non precisamente «pelusas». E tal vez, sexa unha frustración oculta a que fala por el cando cre ou

imaxina presuntas ofensas a súa familia sen ser mencionada pola miña parte, e nada máis lonxe da realidade, como di o dito: «O ladrón pensa que todos son da súa condición». E sigo afirmando que no sector turístico todos sabemos o que promociona o señor Picallo. Basta con ler o seu último artigo de opinión e comprobar que non menciona nin Lires, Estorde, Gures, A Ameixenda, A Pereiriña, Brens, Toba... En definitiva non menciona Cee. E que municipios menciona?

E para rematar, soamente dicir que houbo un compromiso por Turismo de Galicia coa alcaldesa de Cee, nunha reunión na que non estivo Jesús Picallo, para a colocación duns paneis informativos en Caneliñas e uns baños en San Pedro Mártir. Os paneis informativos están colocados, os baños non chegaron... Que pasou, señor Picallo?

E con relación á unión do paseo marítimo de Cee e Corcubión, o voceiro do Partido Popular non participou en nada, sendo unha xestión tramitada pola alcaldesa deste Concello con Costas do Estado.

Aconsello ao señor Picallo que para as vindeiras eleccións se presente como candidato nun pobo ao que realmente sinta e admire, sen que a súa visión sobre ese pobo se limite a un mero negocio.