
Comezará intenso o mes pola vila da xunqueira, pois o día 1 festexerase o Día da Muiñeira, organizado pola asociación Terra de Sena
24 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O mes de maio traerá cando menos dúas importantes citas a Cee. Unha delas é o Día da Muiñeira, coma sempre o 1, e chega á 37.ª edición: promove a entidade Terra de Sena, con apoio municipal e da Deputación. Exhibición e concurso ás 17.30 na Praza 8 de marzo.
Ao día seguinte, 2 de maio, o Concello renderá homenaxe ao que foi o seu cronista, o intelectual Baldomero Cores (1929-2014). Con ampla traxectoria nos ámbitos académico, xurídico, xornalístico e da investigación, manifestou sempre profundo amor pola súa vila natal. A lembranza, precisamente no auditorio da Casa da Cultura de Cee que leva o seu nome e con familiares presentes, botará a andar ás 20.00 horas. Intervirá a alcaldesa, Margarita Lamela, e o historiador Víctor Castiñeira, coa conferencia Cee no pensamento de Baldomero Cores. Fernando Fraga e Iria Piñeiro realizarán para a ocasión un audiovisual con instantáneas da vida do homenaxeado. No exterior, no monumento aos defensores da liberdade impulsado polo propio Baldomero, integrantes de Terra de Sena bailarán unha muiñeira tocada por alumnos da Escola de Música. Finalmente, haberá unha ofrenda floral e soará o himno galego.