Rafael Rodríguez: «Botamos de menos máis comunicación coa consellería sobre as nosas peticións»
CERCEDA
O presidente da Asociación Provincial de Equipos Diretivos da Coruña pide un reparto equitativo dos investimentos en infraestruturas e recursos pedagóxicos
04 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Fanse cousas, as máis urxentes, pero a situación na que se encontran os tellados e as carpinterías, as ventás e as portas, por dicir algo, da maioría dos centros educativos despois de medio século de balbordo e carreiras -construíronse na década dos 70 moitos-, é con frecuencia calamitosa, explica Rafael Rodríguez Martín, director do CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda e presidente da Asociación de Equipos Directivos da Coruña, que agrupa a medio cento de colexios e institutos da provincia. Rodríguez quéixase de que non lles chega resposta ás solicitudes de melloras que envían a Santiago os consellos escolares, máximo órgano de representación da comunidade educativa, e que cando chaman o problema xa pode estar resolto. «Estamos decepcionados porque consideramos que é unha falta de respecto aos centros. Non nos contestan, non din “a obra que vostede pediu o ano pasado farase no 2022 ou no 2023 ou no 2024”. Non hai unha valoración por orde de prioridade nin un investimento cun reparto equitativo. Obrígannos a buscarnos a vida, pasa o tempo e un día chaman preguntando pola obra e tes que dicirlles que xa resolviches. Botamos de menos máis comunicación», explica o portavoz da asociación, que salienta a contribución decisiva das ANPA e os concellos, que por regra xeral custean os gastos de mantemento e «asumen máis do que lle corresponde», afirma. Rafael Rodríguez, que dirixe un centro integrado no proxecto Lupo do arquitecto Fermín Blanco, alude ás perdas económicas en calefacción polo deficiente illamento térmico dos edificios, o deterioro das cubertas, o mobiliario obsoleto e os recursos limitados en material pedagóxico. «Que coiden e mimen aos centros. Son o futuro da sociedade».