Xa está aberta na sala Neira Vilas da biblioteca municipal a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra»
08 nov 2024 . Actualizado a las 00:24 h.De auténticas «xoias» cualificou Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, as imaxes que dende onte se poden ver na sala Neira Vilas da biblioteca de Cerceda. Son obra do fotógrafo Manuel Valcárcel e integran a exposición Auga. O sangue da terra, unha mostra que chega a Cerceda para lanzar dende alí «unha mensaxe moi oportuna e necesaria, unha reflexión sobre a auga como berce da vida». Incidiu Paloma na importancia de preservar o recurso para preservar a propia humanidade, e sobre iso versa o conxunto da exposición, dividida en tres apartados: estados, vida e escaseza.
É unha mostra para admirar, pero tamén para sacar conclusións, e mesmo para actuar, xa dende as «decisións domésticas». A exposición chega á biblioteca cercedense grazas á colaboración de Afundación, Abanca e Concello. Falou José Manuel Vilariño como coordinador institucional de Abanca na Coruña, contextualizando esta iniciativa baixo o paraugas Corrente cultural, coa arte como panca para favorecer o coñecemento, descentralizando a cultura das cidades, achegándoa ao rural. É, ademais, unha mostra solidaria —Cultura por alimentos—: a xente que se achegue pode facer as súas doazóns, nestes intres remitidas a Valencia.
«O medio ambiente é algo transversal e, a concienciación, fundamental», afirmou o alcalde, Juan Manuel Rodríguez. A auga é clave neste municipio, por motivos «tan variopintos como o Aquapark, o paseo do río Cabancos ou o lago das Encrobas»: «Non hai vida sen auga, agradecidos de contar con esta exposición, e que sexa a primeira de moitas veces nesta colaboración». Juan Manuel Barreiro, director da oficina de Abanca de Cerceda, ou as edilas Cristina Capelán e Cristina Queijo, tamén estiveron presentes.