Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Miguel Vázquez Freire: «A adolescencia é unha idade filosófica»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

MARCOS RODRÍGUEZ

GENTES DEL FINIS TERRAE | Presentará este venres en Corcubión, na Capela do Pilar, o seu libro «O moucho voa»: 19.00 horas. Edita Xerais 

09 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que as grandes ideas filosóficas tamén interesan ao común da xente. Que calquera persoa, espontáneamente, ten inquedanzas relacionadas con esas ideas: o ser, a verdade, o ben e a xustiza. Dalgunha maneira isto é o que nos vén contar a nova obra do corcubionés Miguel Vázquez Freire (1951), docente de Filosofía, escritor de longa traxectoria e sempre preocupado polo público miúdo. Este venres, na súa terra, na Capela do Pilar de Corcubión, ás 19.00, Freire presenta O moucho voa (Xerais).

—Volve a miúdo á comarca?

—Si, pola Costa da Morte constantemente. Non sempre Corcubión, porque agora teño a miña base preferente en Muxía, a terra da miña muller. Pero vou, si.

—«O moucho voa» son case 30 conversas en torno a asuntos filosóficos. Pero, como di na obra, non é un curso de filosofía...

—Quixen escapar do académico. Busco facerlle ver á xente, e diría que á de todas as idades, que a filosofía lles fala a eles. Por iso a conversa vén sendo unha conversa entre tres: un son eu, o moucho, e logo está Paula, unha rapaza que está acabando a ESO, e tamén un xubilado da fábrica de carburos metálicos de Cee, sindicalista, a voz da persoa maior. Para as persoas que aínda non se adentraron no pensar filosófico, pretende ser unha oportunidade.

—Vostede que escribiu tanto para público infantile e xuvenil... Lembra como foi o seu espertar filosófico? Tal vez en Corcubión?

—Perfectamente. Meu pai mercou unha colección de historia da filosofía, de Nicola Abbagnano. Aínda a conservo na miña biblioteca de Corcubión. Cando empecei a ver aqueles retratos eu tería dez anos como moito. Do contido do pensar filosófico non me enteraba de nada, pero lía aquelas biografías e vía aqueles retratos e dicía: «Quero ser un deses». Obviamente non cheguei a tanto, pero aí comezou o meu interese pola filosofía.

XESÚS BÚA

No 2017 dicía nunha entrevista: «A busca egoísta da mellor propia leva a que vivamos peor en conxunto». Vostede cre que a pandemia nos ensinou algo? Iso de que sairiamos mellores...

—Unha parvada. A xente pode aprender e ás veces aprende de certas experiencias límites como foi esa, pero esa aprendizaxe forma parte dun conxunto de cousas. A xente non cambia nuns meses certos criterios dominantes, e o certo é que vivimos nunha sociedade individualista, que explota o egoísmo persoal, así que as ideas vinculadas coa solidariedade e co común aínda se teñen que abrir camiño. A pandemia podería servir, si, —e nalgúns aspectos si que nos fixo lembrar o importante de ter unha sanidade pública que se ocupe de todos e que estea ben financiada e apoiada dende o Estado— para facernos pensar que o común é algo que temos que coidar, pero xa digo, isto vai contra a tendencia de valores que predomina: o individualismo egoísta que só pensa no beneficio de cada quen.

—Por iso precisamos a filosofía?

—Exactamente, para poder reflexionar dunha forma crítica e argumentada. Atención: a filosofía non nos dá unha resposta, senón un abano delas moi diferentes. O que nos dá a filosofía son instrumentos para pensar mellor, e iso implica un horizonte, a procura a verdade, incluso aínda que saibamos que esa verdade non a imos alcanzar. Pero se todos en conxunto formamos unha conversa colectiva que se basee nos argumentos, podemos aproximarnos a esa verdade. Esa é a idea que lanza o moucho.

—E por que parece que incomoda nos currículos educativos?

—Son discrepante niso. Na miña experiencia docente, de trinta e tantos anos, os avatares da filosofía cambiaron moito. Nalgún momento, efectivamente, vinme obrigado a dar clases de historia, porque o currículo de filosofía diminuíra. Esa non é a situación de hoxe en día, gracias a que os filósofos tomaron a palabra e conseguiron a través de distintos medios facerse escoitar. Houbo unha reacción nos ámbitos diríamos ministeriais e do poder lexislativo que fixo recuar. Nestes momentos a filosofía recuperou horas. Non está nunha situación de carencia, aínda que tampouco se cadra é a óptima que quixeramos os profesores desta materia.

Vázquez Freire
Vázquez Freire ANA GARCÍA

—Custa achegar a filosofía aos máis novos? Faise mal?

—Outra vez vou ir a contracorrente. A adolescencia é unha filosófica, de preguntas, de inquedanzas, de inseguridades. Unha idade non dogmática, a mellor idade para empezar coa filosofía. Eu trataba de converter as miñas aulas en espazos do pensar colectivo. Non direi que de cando en vez non tivera fracasos que me doían, pero tamén podo falar de éxitos e, dende logo, dunha boa recepción por parte do alumnado.

—Volve á Capela do Pilar, onde se celebra un ciclo diriamos que único, Filosofía para Veraneantes. A quen lle gustaría ver alí?

—Xente próxima sei que vai estar. O moucho ten moito que ver precisamente con Filosofía para Veraneantes. O moucho voa naceu cando a pandemia. Non puidemos facer ese ciclo, houbo que suspendelo, e o alcalde e o edil de Cultura, que estarán este venres ao meu lado, soltaron esta idea. Por que non Filosofía para Veraneantes na radio, a través de Radio Neria? Aí naceu o moucho, como un programa radiofónico. Son os guións en formato libro.