Despois de que se alzaran algunhas voces críticas de veciños e veciñas sobre a zona peonil instaurada por resolución da alcaldía no mes de agosto e setembro en Corcubión, eu quero engadir esta nota ao respecto. Dicir que non puiden facelo antes porque non foi ata o día 9 de outubro cando me permitiron ver o expediente despois de telo solicitado o 16 de agosto. Así non, señor alcalde, así non. Os veciños temos dereito ao acceso aos expedientes públicos en tempo e forma, non fóra do prazo en que se executou o servizo. Coido que moitos estamos de acordo en humanizar parte do casco histórico de Corcubión, pero na miña etapa intenteino, tendo rexeitamento de varios veciños e entendemos que tiñamos que pospoñelo ata ter un proxecto consensuado sobre a praza de Castelao (actualmente elaborado) como punto de inicio. Isto consta no Concello e non entendo, entón, o por que do empeño de facelo como o fixeron esta vez.
Ademais, concelleiros da actual corporación ofrecéronse para debater e consensuar este asunto. Non comparto, tampouco, que o tenente de alcalde tachara de que só foran 40 sinaturas as que se opuxeran e lle restara importancia. Pois non, xa que o feito non respectou as normas de circulación vial.
Isto é suficiente como para darlle audiencia a un só veciño que o reclamara. Así non, señor alcalde, así non. Primeiro, todo foi feito correndo e con présa, nun período que choca, aínda que fora unha proba. Segundo o tramo que elixiron, non demostrou ningunha eficacia. E o máis importante, que o executado non responde ao informe técnico que esixe a Ordenanza Municipal de Trafico, que foi aprobada por vostedes en xaneiro, como preceptivo e vinculante. No expediente consta unha calzada por onde van circular en dobre sentido onde non está situada a parada de taxis e por tanto quedando libres os tramos para a circulación nos dous sentidos. Pero no executado a zona reservada aos taxis estreita as vías, e por tanto o ancho non cumpre a norma de circulación viaria, poñendo en perigo a seguridade, tendo unha responsabilidade o Concello e por ende a persoa que o aprobou.
Logo remendárono poñendo un sinal de estreitamento que non consta no expediente. Así non, señor alcalde de Corcubión, así non. Máis a modo e sempre teñan en conta as apreciacións dos veciños, e máis se o executado non se corresponde co asinado no expediente administrativo que o respalda.
Francisco Javier Lema Fuentes. Exalcalde de Corcubión.