Álex Castro: «Quero vivir da música»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Acordeonista ceense, interpretará este sábado pezas de música tradicional e clásica na entrega de premios dos certames literarios de La Voz, Territorio Vákner 

29 sep 2023 . Actualizado a las 20:02 h.

«Estou no lugar correcto», afirma con seguridade Álex Castro (Cee, 2000), feliz dos estudos elixidos. Ten 20 anos e cursa terceiro de acordeón no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Esa é a súa carreira, porque ten claro algo: «Quero vivir da música». Xa sexa a nivel de docencia ou, quen sabe, de interpretación, mais por aí quere enfocar o su futuro. Poder chegar a tocar nun grupo ou en solitario, como el di, ninguén pode avanzalo. Nese sentido, «a docencia é máis camiño seguro», reflexiona. Irase vendo. Álex Castro acompañará este sábado en O Conco, Dumbría, a entrega de premios dos certames literarios Territorio Vákner, un acto que comezará ás 12.00 e no que el interpretará tres pezas.

—Que elixiu para a ocasión?

—A peza de apertura serán en realidade dúas, Maneo de Malpica e Muiñeira de Alfonso. Un remix, se se pode dicir así. O maneo foi unha das primeiras pezas tradicionais que toquei no acordeón nun nivel xa algo avanzado, e creo que as dúas xuntas compaxinan moi ben, cun inicio un pouco máis lento e ata triste, pero logo unha explosión, ledicia. Para a segunda das intervencións elixín dous temas, Fandango de Kepa Junkera, porque el é o absoluto referente do acordeón tradicional, e Inverno, de Vivaldi, unha das pezas que máis me gustan da música clásica, moi simbólica. Quería incorporar o clásico.

—Non só toca o acordeón.

—Toco algún instrumento máis, si. Na Banda Municipal de Cee, o bombardino, e logo tipo hobby, sen acudir a clases, o piano e a gaita. A gaita ten a mesma dixitación que a frauta e o do piano vén porque de neno toquei teclado.

—Por que o acordeón?

—Foi o primeiro instrumento no que meus pais me anotaron a clases [os seus primeiros e importantes anos de formación foron na Escola de Música de Cee]. Eu quería tocar o trombón, pero non había prazas, e como este instrumento lle gustaba tanto a meus avós e meus pais, pois aí fun. E xa non o deixei nunca máis. Disfruto cada día tocando e estudando acordeón, compartindo música coa xente. É un instrumento moi polifacético, moi completo, podes facer moito cun só instrumento, sen precisar nada máis.

—Era Pazos de Merexo quen dicía que o acordeón fai a festa só?

—Si, é así, tal cal.

—Xa no 2017 tivera acompañado unha entrega de premios de La Voz, en Muxía. Volve facelo neste 2023. Sonlle frecuentes estas intervencións parellas a actos?

—Fágoo de vez en cando, pero para nada é frecuente, senón moi puntual. Estou encantadísimo, é unha oportunidade de ter enfronte a un público diferente, de chegar a máis xente. É moita a que si coñece o acordeón na música tradicional, pero non tanto o seu papel na música clásica, por iso quixen incorporar ese Inverno de Vivaldi, para amosalo tamén.

Ainhoa Conde, Natalia Lema e Ana Isabel Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro premio no certame de adultos
Ainhoa Conde, Natalia Lema e Ana Isabel Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro premio no certame de adultos

Premiados nas modalidades escolar e de adultos recollerán os seus galardóns en O Conco, Dumbría

A terceira edición do certame Territorio Vákner para ámbito escolar, e a segunda para adultos, daranse por pechadas mañá coa publicación de textos e a recollida de galardóns por parte dos autores cuxos contos de misterio, no primeiro caso, e relatos, no segundo, acadaron a maior puntuación por parte do xurado. Son concursos promovidos dende La Voz de Carballo co patrocinio do Concello de Dumbría, que vén a ser este «territorio Vákner» que os certames levan por lema. O acto de entrega (12.00 horas, O Conco) será para Raúl González o seu primeiro como alcalde, logo que o pasado mes de maio relevase ao histórico socialista José Manuel Pequeño, puntal clave na divulgación e dotación de contido desta lenda do Vákner asociada ao Camiño.

«As cousas ben feitas teñen que ter continuidade», afirmaba onte o rexedor dumbriés. González lembraba, tamén, que o Vákner «empezou case da nada», e velaí están estes certames que, pese a ser convocatorias recentes, atraen xa alto nivel de participación, e ademais de plumas consolidadas no caso dos adultos. «Máis xente e cada vez cun nivel maior, por esa liña hai que seguir traballando», engadía. «Hai que mover a nosa cultura, darlle visibilidade ao inmaterial, isto é unha promoción para o propio Camiño e dende logo para o municipio de Dumbría», refrendaba.

O Vákner fai alusión a un feito documentado no século XV, cando o bispo armenio Mártiros relatou terse enfrontando nos montes de Dumbría, no seu peregrinar, a un monstro. Estes certames, por tanto, pretenden darlle maior dimensión literaria a esa lenda e tamén á propia ruta. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; alcaldes e alcaldesas do Camiño dende Santiago a Fisterra-Muxía e outros rexedores da Costa da Morte; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; deputados provinciais; autoridades educativas e o director de La Voz, Xosé Luís Vilela Conde, acompañarán mañá o acto en O Conco.