Por motivos familiares, José Canosa non estará na cea de pasado mañá. No seu lugar acudirá probablemente un dos seus netos. Tampouco puido xuntarse onte cos tres compañeiros de homenaxe, pero na porta da súa casa agradeceu que se lembraran del para este recoñecemento: «É unha pena que no poida estar, pero alégrome de que me tiveran en conta», explicou Canosa.
Este patrón de 83 anos, do que din que «é un dos que mellor memoria ten de Fisterra», estivo en activo ata fai tres anos. Poucas lembranzas positivas ten do seu paso no mar, porque, como o resto dos homenaxeados, asegura que foron tempos «moi duros». «Os mellores anos que pasei no mar foron os últimos, porque ao principio saía ao mar cunha embarcación de remos», afirma José Canosa. No ano 62, o traxecto cara os baixos onde encontraba os robalos e os abadexos leváballe máis de dúas horas. «Aquilo era un auténtico inferno, era o máis parecido a escravitude», asegura.
Despois deste comezo a remos, José conseguiu un barco de 7,5 metros de eslora e 2,5 de manga. Pero o verdadeiro salto de calidade o deu no ano 77 cando as condicións de traballo melloraron ao adquirir un barco de 10 metros de eslora no que xa se enrolaron catro o cinco mariñeiros. Entre estes tripulantes figuraban un dos seus fillos e máis un sobriño.