Roberto Traba: «'Ola miña bonita' é retranqueira, refraneira e está chea de fisterranía»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Traba ha hecho el Camino una treintena de veces
Traba ha hecho el Camino una treintena de veces

GENTES DEL FINIS TERRAE | A súa nova novela combina ficción, historia e persoeiros da época da ocupación francesa. Xa se pode conseguir en librarías de Cee, Corcubión e Fisterra, ademais de na galería Stoupa

23 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio e Antonia namoraron en tempos combulsos. El, o Valente de Fisterra, o terror das tropas napoleónicas; ela, estanqueira de Corcubión. Nos primeiros anos do século XIX o romance non era precisamente un camiño de rosas, e senón que llelo digan aos protagonistas da nova novela do fisterrán Roberto Traba, Ola miña bonita, que xa pode conseguirse nalgunhas librarías de Cee, Corcubión e Fisterra.

O título, en realidade, ía ser «Liberdade ou morte», o berro de guerra das xentes da comarca durante a invasión napoleónica, mais a historia romántica que Traba incorporou á súa obra de ficción histórica fixo que se decantase polo título que finalmente levou. Non pretendeu o autor, en ningún momento, crear unha gran enciclopedia sobre a invasión napoleónica, senón render tributo a unha figura, a do Valente de Fisterra, moi recoñecido na comarca.

«Inicialmente o que quería era facer un relato curto sobre o Valente, pero empecei a escribir e escribir... E acabei por facer case 400 páxinas», narra Traba, que precisou de case dous anos de escrita -intermitente, pois compaxinouna co seu traballo ao fronte do bar A Galería- para finalizar esta obra, que ten un amplo traballo de documentación detrás.

Escribir doado non é sinxelo, e o fisterrán tiña claro que quería crear unha novela para tódolos públicos e na que as xentes da Costa da Morte se visen identificadas. «É unha peza retranqueira, refraneira e chea de fisterranía. Fun incorporando a linguaxe propia desta terra, as lendas, os refráns, espazos míticos... Intentei que fose unha viaxe pola comarca ao tempo que [os guerrilleiros] ían combatendo aos franceses», explica Traba.

En Ola miña bonita combina personaxes históricas (os membros da Xunta de Alarma de Corcubión, o Capitán Andrés Caamaño, os Teniente Thruston...) con outras que non o foron, máis todas elas teñen a súa base na realidade. De feito, para o grupo de compañeiros do Valente inspirouse nas personalidades dos seus amigos e clientes do bar. «Creo que reflicten ben a nosa maneira de ser», indica. É unha novela moi mariñeira, de raíz, e coa que Traba di estar moi «ilusionado».

Como xa fixo coa súa primeira incursión na literatura, esta novela foi autoeditada. Nun principio ía saír por Semana Santa, mais o contexto sanitario atrasou a súa publicación ata o Nadal. Polo de agora, e debido ás restricións vixentes, apenas puido repartir exemplares da obra polas librarías de Fisterra, Cee e Corcubión, así como pola galería Stoupa ceense. Pero o seu plan, unha vez as limitacións se moderen, é levar a novela polo resto da comarca, pois ao longo das súas case 400 páxinas foi introducindo elementos cos que veciños de Camariñas ou Muxía, por exemplo, se poderán sentir identificados. «Crónicas de Fisterra tamén foi autoeditado e conseguín vender cerca de 800 copias, que non está nada mal. Sobre todo repártoas no bar», di.

O Valente, cuxa casa natal mesmo pedían que albergase a biblioteca fisterrá e que foi retratado por George Burrow no seu Viaxe por Galicia, ten por fin a súa novela da man de Traba. «Coa invasión francesa foron xurdindo os guerrilleiros por todo o país. O Empecinado, Curro Jiménez... Por que Fisterra non podía ter o seu propio Empecinado? Pois ese foi sen dúbida o Valente», sentencia.