Miguel Mandayo: «A praia de Mar de Fóra é o meu lugar favorito no mundo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

A viva voz | Con forte vinculación con Fisterra, este popular creador de contido foi o pregoeiro do Entroido de Verán, hai tan só unhas semanas

21 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 825.000 seguidores en TikTok, outros 198.000 en Instagram e é un dos creadores de contido galegos máis populares na rede. Aínda que nado e residente na Coruña, Miguel Mandayo Lagoa (2001) ten unha fonda vinculación con Fisterra, lugar no que pasa longas tempadas e do que procede a súa nai. Ademais, recentemente pronunciou o pregón do Entroido de Verán rememorando todo tipo de anécdotas e recordos do seu tempo na fin do mundo: «Tirarme en Mixiricos, ir pescar na lura, ver a Panorama no Cristo, xogar as pachangas no Arasolis... Con recordos tan sinxelos creas memorias inesquecibles na túa vida», dixo durante o seu discurso.

—Como recibiu a proposta de ser pregoeiro do Entroido de Verán?

—Pois que pensen en ti para estas cousas é unha marabilla: que che confíen o pregón das túas festas, coa túa xente...

—Foi, ademais, un pregón moi próximo, cheo de anécdotas.

—É que tes poñerte na pel dos demais, chegar ao corazón da xente e que se sintan identificados. Tes que demostrar que coñeces o pobo, que lle tes cariño.

—En Fisterra son moi fisterráns...

—Si! Xente da casa que ten moi arraigada a súa terra e a súa orixe. E se eles non miran por Fisterra, ninguén o vai facer.

—Ten algún sitio predilecto?

—Gústame a praia de Mar de Fóra, creo que é o meu lugar favorito no mundo.

—Gústanlle as verbenas? Ou é máis de festivais?

—Máis de verbena, aínda que os festivais gústanme porque son como unha verbena grande.

—Este tipo de celebracións, e outras cousas que caracterizan á cultura galega, adoita visibilizalas na súa canle de Tik Tok. Como lle vai con iso?

—Coa canle moi ben, a verdade, aínda que cando subo cousas de Galicia algunha crítica sempre hai. É algo minoritario, pero as críticas sempre se soen escoitar máis que os bos comentarios, aínda que non debería ser así. Non podes gustar a todo o mundo, pero eu defenderei sempre a Galicia.

—Ese tipo de críticas tamén demostran o importante que é que se fale, se divulgue e se teña presenza en redes...

—Si, ademais que pasa tamén con outros creadores de contido de Galicia. Queixámonos de que non se valore o que temos, pero despois saen estas críticas. É un pouco contraditorio. En todo caso, estou moi agradecido pola xente que si valora estas cousas. Somos uns privilexiados de vivir aquí e de ter todo isto.

—Canto tempo leva dedicándose á creación de contido?

—Profesionalmente, arredor dun ano e medio, aínda que comecei hai uns tres anos.

—Imaxinaba naquel momento que podería vivir disto?

—Pois comecei polas risas cun amigo, sen saber que se podía vivir disto, pero agora toda a miña vida xira en torno ás redes: á creación de contido e a ensinar o meu día a día.

@maandayo

Galicia es mágica || Cap 2. Historia para todos 🤩💙 #viral #humor #comedia #españa #galicia #playa

♬ sonido original - Mandayo

—Coas novas tecnoloxías, xorden tamén novas profesións...

—É algo moi novo, e é normal que algunha xente non o entenda. Mesmo a min me impacta a veces este modo de vida. Como que non acabas de acostumarte: traballas co móbil, estás moito tempo só... Tamén tes que ter coidado, pois chegas a moitísima xente e tes unha responsabilidade.

—Moita audiencia nova. Hai que ter coidado coas mensaxes que se lles transmiten.

—Nunca sabes a quen podes chegar, e aínda que inflúas a unha soa persoa, xa estás influíndo. Eu penso que todo o mundo que suba cousas ás redes sociais (non só os creadores de contido) deberían facelo con responsabilidade. As redes teñen unha parte moi boa, pero outra que é moito peor e é importante falar dela.

—Algunha colaboración soñada?

—A verdade é que non me gusta poñerme teito. Nunca pensei, por exemplo, que traballaría en televisión, e agora estou colaborando co Malicia Noticias, onde os compañeiros me acolleron cos brazos abertos. En canto a colaboracións soñadas? Quizais pelexar na Velada de Ibai...

—E que hai do Dépor?

—Xa colaboramos [ri], e tamén con marcas como Estrella Galicia, Cabreiroá... Estou facendo cousas que nunca pensei que faría.

—Iso tamén demostra que é posible dedicarse ás redes dende fóra de Madrid.

—É verdade que todo está en Madrid. Está mal, porque que a xente se teña que ir é unha pena. Eu penseino nalgún momento, pero cada vez está mellor a cousa por aquí e hai máis oportunidades. Ademais, eu poño por diante a calidade de vida antes que o diñeiro. Por agora non me quero ir, prefiro estar aquí cos meus, baixar e ver o mar...

MÁIS A FONDO

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? Pois, onte! [ri]

Cal é o seu prato tradicional galego favorito? O caldo galego.

Sabería dicir onde está localizado o Cemiterio dos Ingleses? Sóame moitísimo, pero non sei localizalo.

Onde desemboca un río en fervenza, caso único en Europa? Pode ser O Ézaro?

Así é, coñece a zona? Si, por suposto, ademais cando vai con moita auga é espectacular.

Probou os percebes de Corme? Pois se digo a verdade, nunca probei os percebes, téñoo pendente. Son máis de zamburiñas, navallas, longueirón...

Ía preguntarlle se probara o longueirón de Fisterra... Home! Ademais facémolos moito no verán.

Ten escusa co percebe: foi o mesmo día que o Entroido de Verán. Postos a priorizar... O Entroido, por suposto!

É a súa festa preferida? Diría que son a do longueirón e a do Cristo.

Coñece a Praia dos Cristais? Si! Ademais estiven hai tan só uns días, que fixen un vídeo dela.

Sabería dicir quen foi o autor do Himno de Galicia? Déixame pensar. [Tararea] «Que din os rumorosos, na costa...» Pondal?