
Oscar de Souto, nacido en Cabana e residente en Laxe, vén de publicar «Carbón querubín»
09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Colaborador de emisoras locais, participante en centos de recitais, promotor de actos culturais, dinamizador social... Óscar de Souto ten moitas facetas. Outra delas é a de escritor. Nacido en Cabana no 1980 e agora residente en Laxe, vén de publicar Carbón querubín (2017). Conta que súa nai xa ten atopado poemas del feitos con 5 anos: «Penso que é algo xenético, de nacemento». Fai tamén unha defensa activa do voluntariado, papel que xoga en moitas ocasións e dende o que promociona a comarca.
-¿Que podemos atopar na obra?
-É unha autoedición, un resumo dos 35 libros que teño. Recollo o que me parece máis oportuno para contarlle á xente de aquí. Hai algún artigo, poesía nun galego asequible e tamén en castelán e mesmo cancións. Vai pola sétima edición e maquetei é distribuín eu. É unha mágoa que se estean poñendo fondos para editar obras gratuítas e que non haxa apoio para a literatura propiamente dita.
-¿Non traballa con ningunha distribuidora para esta obra?
-Non, non quixen. Fago o mesmo que facía Eduardo Pondal, e case igual que fai tamén Espiral Maior. A editorial que distribuiu algunha das súas obras fíxoo por carta. Escribía aos suscritores, estes enviaban as tres pesetas e mandábanlle o libro. O meu método é similar, só que agora vía transferencia [ri].
-¿Para que bota en falta axudas cando di que é preciso apoio?
-Vexo que con fondos de concellos, fundacións ou similar se editan libros de coplas, por exemplo, para repartir gratuitamente. Eu penso que o gratuíto a xente non o valora, polo que creo que debería haber axudas para todos os escritores descoñecidos que temos pola costa.
-O seu método obrigaralle a moverse vía redes, por exemplo.
-Si, e sobre todo en persoa, como se facía antes, coñecendo a cada lector. Parece difícil, pero só é cuestión de ir porta por porta percorrendo toda a comarca.
-¿Por que agora esta obra?
-Parece que é como unha necesidade deixar algo en papel. O mundo celulóxico quere resistir e este é o meu primeiro libro en papel, individual. Teño outros colectivos. Os anteriores eran dixitais..