Héctor Pose: «Describindo ben un lugar pequeno podes falar do mundo»
MALPICA DE BERGANTIÑOS
O malpicán publica «Escribirme», libro no que reflexiona sobre o seu traballo como actor e os temas nos que se inspira
15 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Héctor Pose Porto (Malpica, 1964), escritor e profesor na Universidade da Coruña, publica a súa última novela: Escribirme. Esta obra parte dun recordo de xuventude do autor para derivar paulatinamente nunha reflexión sobre a súa faceta como escritor e sobre as súas preocupacións relacionadas co mundo que o rodea.
-É «Escribirme» unha novela autobiográfica?
-O feito que orixina o libro é biográfico. Tiven un amigo na adolescencia, que por desgraza morreu novo, que se namorou perdidamente dunha rapaza. Os pais velaban moito por ela e por con quen se relacionaba. A rapaza pediulle a este amigo meu, un rapaz con pouca escola, que lle escribise cartas, e o meu amigo díxolle que si. Entón tiñamos 16 ou 17 anos. Como eu era moi amigo del e estudaba, pediume que fose eu quen escribise á rapaza. Despois de moitas negativas accedín. El contábame o que falaba con ela para que eu tivera materia que narrar nas cartas. Este foi o xermolo do libro, que empeza sendo unha novela. Está dividido en tres partes: Antes, Logo e Agora, e ese Antes foi o feito autobiográfico a partir do que escribín o libro. A historia continúa e pouco a pouco dá unha reviravolta e pasa de ser unha novela a un ensaio, onde vou razoando o por que do meu crear, que tipos de libros escribo e cales son as preocupacións que teño e que xeran estes libros. É unha novela en orixe, pero transmuta nun libro de reflexión persoal que xustifica o título: Escribirme. Tomo certa distancia no persoal para escribir desde o punto de vista do escritor que hai en min.
-Esa segunda parte é unha reflexión sobre a súa propia escritura.
-É aí onde aparecen os temas que me preocupan. Creo moito na promiscuidade narrativa, en facer obras literarias creando con outros creadores. Ás veces con pintores, con fotógrafos, con outros escritores... Creo que de dous talentos poden saír cousas moi interesantes. Hai veces que boto man doutros creadores para crear un produto novo. Son libros moi coidados graficamente, porque cando penso nun libro concíboo como un todo no que o envoltorio é fundamental.
-As súas historias adoitan estar localizadas na Costa da Morte, fundamentalmente en Malpica, o seu municipio natal. Cre que isto lle dá un valor engadido?
- Si, claro. Salvando as distancias, Gabriel García Márquez dicía que da súa aldea orixe, Macondo, sacaba moitos relatos. O meu Macondo é Malpica. Eu creo que se describes ben un pequeno lugar podes falar do mundo. Nunha pequena localidade hai amor, desamor, traxedia, ledicia, oficios, tradicións, sensacións... O que pasa é que iso é tamén unha estratexia. Por un lado é compromiso coa miña terra de orixe, e por outro unha estratexia de creación artística ou literaria, porque penso que aí hai moitos elementos dos que tirar para construír algo emotivo e verosímil. Ao mesmo tempo, quizais debido á miña faceta de investigador e pedagogo, tamén intento empregar linguaxe que se está perdendo: a linguaxe mariñeira, toponimia, expresións... Eu creo que iso tamén aporta valor á propia obra, porque para moita xente nova esas expresións son descoñecidas debido a que se están perdendo, e creo que empregalas literariamente axuda a recuperalas.
- Estas cartas que dan orixe ao comezo do libro, supoñen a súa iniciación no mundo da escritura?
- Si. Facer esa labor para o meu amigo esixíame escoitalo moito, e plasmar por escrito a súa forma de pensar para que non se notara que escribía eu. Tiña que transmitir o que el sentía para namorar á rapaza, pero sen que soase cursi nin falso. Eu esforzábame para que fose así, e algo debín axudar porque acabaron casando. A historia na que deriva o libro é ficción, e nunha gran parte do libro ficciono sobre a miña propia realidade para darme a coñecer como escritor. Son as miñas preocupacións en todos os ámbitos da vida. Preocúpanme moitos aspectos que plasmo nos meus libros.
- Axuda, polo tanto, a entender a súa faceta como escritor.
- Exacto. Fixen un pequeno experimento no meu libro Mar de invernía. Na última parte hai un apartado pequeno no que explico como xurdiu a historia, como o escribín, en que me inspirei... Polo que puiden comprobar, ao lector gústalle sabelo para entender mellor a obra.