Ignacio Vilar, director de cine: «Reivindico as bruxas como mulleres sabias»

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Logo de visitar Malpica hai uns días, esta noite estará en Fisterra, para a proxección da película «María Solinha». O filme está chegando antes ao rural que ás cidades
19 jul 2020 . Actualizado a las 22:34 h.Ignacio Vilar (1951) asegura que, ante as dificultades, en todas as profesións hai que tirar de imaxinación e creatividade. Tamén na súa, a de director de cine. Con todas as salas de Galicia xa concertadas para a estrea de María Solinha (Vía Láctea Filmes), e incluso tamén as de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia ou Bilbao, o covid-19 veu a cambiarlles os plans. «Os cines pecharon e entón dixen: ‘E se o facemos ao revés?», explica. Así foi: María Solinha estase a estrear antes ao ar libre, itinerante polos concellos, que nos cines; antes no rural ca nas cidades. Contan con chegar a máis de 150 municipios. «De momento, non estrearemos en ningunha vila nin cidade que teña cine, non estrearemos neles ata que abran ao 100 %», afirma. «Iso leva a que os veciños de Fisterra a vexan antes que os de Cee», sopesa. Non tardarán: será esta mesma noite (22.15, Praza da Constitución) cando se poida ver a película na fin do mundo, coa presenza do propio Vilar. Recentemente pasou por Malpica, nunha noite de «borraxeira», e non tardará en desprazarse a Vimianzo, Muxía ou Zas. Xa chegaron, ademais, as primeiras boas novas para o filme, protagonizado por Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera e Antón Durán, Morris. Entre películas de todo o mundo, María Solinha foi seleccionada para participar na 66.ª edición do Taormina Film Fest (Sicilia), dentro da sección Indieuropea. O festival reúne referencias do cine internacional.
-Estrea «María Solinha» cando aínda «Sicixia», rodada na Costa da Morte, segue dando que falar, logo de traducirse a 18 idiomas.
-Imaxina, iso significa que, cando menos, chegou a 18 países, que en realidade foron máis. Iso tendo en conta que as nosas películas son sempre en galego, non as dobramos, empréganse subtítulos. Creo que a última proxección foi en Guinea Bissau. Sicixia tivo un percorrido impresionante.
-Algo clave se, como dixo en Malpica, apreciamos que o noso cine é un escaparate para darnos a coñecer.
-Sábeno moi ben os norteamericanos, aínda que o modelo de sociedade que eles venden non sexa a imitar. Nós vendemos outra vida, outra paisaxe, outra gastronomía... O cine, en realidade, non só permite darnos a coñecer, senón coñecernos a nós mesmos, apreciar o que temos e apreciarnos a nós mesmos, en definitiva.
-Cadrou mal en datas a estrea de «María Solinha», polo covid.
-En realidade non cadrou mal [ri]. Con A Esmorga, Pradologongo, Vilamor ou Sicixia primeiro estreabamos nas cidades e logo faciamos os percorridos de verán polos concellos, polo rural. Co que ocorreu decidimos facelo ao revés, e é ademais toda unha declaración de intencións. Onte [polo xoves] estiven en Arcade, Soutomaior, e foi impresionante. Respectamos todo o protocolo de seguridade, ao 100 %. Enchéronse as 200 cadeiras que levamos e logo quedaron 90 persoas ao coloquio posterior, homes e mulleres, aínda que nesta película a protagonista é a muller. A todas estas proxeccións eu vou vestido de gala, con traxe e gravata de lazo, porque non deixan de ser estreas. Ás que se fan nos cines vou así, e así vou tamén agora ao rural. Vén a ser tomar partido por el.
-Que ofrece «María Solinha»?
-Levo máis de 15 proxeccións con coloquios, e agora teño experiencia en ver como reacciona o espectador. A película chega. Por que hai que vela? Para tomar conciencia, todos, de que a ver se somos capaces de matar ese dragón que aínda hoxe segue atacando ás María Solinhas. É un grao de area que aporto: aféctanme moito as agresións ás mulleres, e facer cine é unha forma de defenderme ante algo co que te sentes impotente. Ves a inxustiza e tamén ves que as leis non están axeitadas a matar ese dragón. Pois cando estaba con este proxecto aparecéuseme María Solinha: eu vivo en Vigo e, mentres falo contigo, vexo Cangas. Cousa interesantísima do cine é que tamén nos permite dar a coñecer as nosas festas populares, intento sempre difundilas nas miñas películas. Neste caso descubrín a Festa da Coca de Redondela, unha das máis primitivas de Europa. Quedei impresionado pola representación, é algo moi cinematográfico. Pasei case mes e medio con eles, vendo os ensaios, para ver como podía rodar isto. Ben, nas orixes desta festa hai un dragón que dana ás mulleres, mais ese dragón de hai séculos, e que se reproduce noutras cidades de Europa, tiña no século XVII de María Solinha outro disfrace: de inquisidor, de dominico. E seguía atacando. A María Solinha, a Adela Malvido, outra das bruxas... Reivindico as ruxas mulleres sabias, de coñecemento, grandes mulleres. Por iso as atacaba a Igrexa. Ben, ese dragón do século XVII segue existindo no XXI, de novo con outro disfrace. María Solinha é unha proposta para vivir unha experiencia: hai moito que falar sobre ela, moito que debatela, non é unha película para pasalo ben, sen máis.
Máis de preto
É quen de elixir un só lugar da Costa da Morte? Si, si, e sempre o recomendo: subir ao Monte Pindo, ao cumio da Moa. Permite entrar de cheo na Costa da Morte. Se cadra un día despexado, cando chegas arriba... quedarás xa para sempre marcado pola paisaxe.
A gastronomía ten peso nos seus filmes. É máis de carne, peixe, marisco...? Son de longueirón de Fisterra, de percebe, de berberecho do Anllóns e de mexilóns de rocha á brasa. Isto último foi algo que descubrín con «Sicixia». Contáronmo, incluíno na película, probeinos... Exquisito!
Confinamento na cidade ou no rural? Cando traballo un guión, e este de «María Solinha» levoume nove meses, estou case que confinado. Creo que preferiría o rural, de todas formas. Vivo en Vigo, pero son de Castrofolla, no concello de Petín, en Valdeorras, e falando con eles, os veciños contábanme que ían á horta e demais...
Mar, montaña, praia, piscina...? Para pasar o verán prefiro a casa: ler, escribir... Combino a miña casa en Vigo coa casa dos meus pais en Petín, así que vou do mar ao interior.
Cal foi o primeiro sitio ao que foi tras levantarse o confinamento? Precisamente onde rodei “María Solinha”, enfronte de onde vivo. Agora chámase Cabo Home, pero en realidade é a Costa de Soavela, que é un nome máis fermoso, antigo, e que na película intento reivindicar. É un paraíso. Se «Sicixia» era unha película de paisaxes, nesta tamén é fundamental.