Unha poetisa con Premio Nacional de par do alumnado de Malpica
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Yolanda Castaño departeu onte pola mañá con estudantes do instituto Urbano Lugrís. Promoveu o encontro a biblioteca do centro
19 ene 2024 . Actualizado a las 20:11 h.Alumnado de secundaria e de diversificación curricular do instituto Urbano Lugrís de Malpica tomou parte onte nun encontro literario coa poetisa Yolanda Castaño, promovido dende a biblioteca do centro. Premio Nacional de Poesía 2023 pola obra Materia, Premio da Cultura Galega 2023 e Premio Ramón Piñeiro de Ensaio tamén neste ano recén rematado, Castaño apercibiuse da importancia de achegarse a unha rapazada «que atravesa idades esponxosas, receptivas». Así o dixo horas antes de achegarse á Costa da Morte, en Radio Voz: «Basta que apareza no centro alguén (...). Algo do que esa persoa di queda, dalgunha maneira». Sementes, quizais, de futuras escritas.
República Dominicana, Kenia, California, Eslovenia ou Alemaña foron algunhas das viaxes de Yolanda no 2022. O 2023 foi tamén movido e o 2024 vai camiño de selo: acaba de chegar de Finlandia. Viaxes nos que pode seguir comprobando que o galego non limita, expande, saboreando logo tamén os froitos do seu traballo. Botara ata o 2022 oito anos sen escribir, absorbida pola creación do proxecto Residencia 1863, mais todo o que dentro lle buliu nese período, as notas que tomara, agromou e tivo recompensa.
Altos estándares, charm, prestixio social, está a ter a literatura galega, e ben está que sexa así. O Premio Nacional de Poesía levaraa nos vindeiros meses a moitos recunchos do Estado («dende Burgos ata Ceuta, pasando por Elche») e tamén a ten ilusionada a publicación do seu primeiro ensaio, alá para maio, precisamente merecedor do Ramón Piñeiro: Economía e poesía: rimas internas. Segue ademais con Poetas Di(n)versos e verá abrollar para finais do 2024 un novo poemario: A falsa autónoma, premiado co González Garcés.