Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Sodes dignos herdeiros dos nosos avós, que tamén contaban historias»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Muxía acolleu onte a entrega de premios do 14.ª certame «Contos de Nadal»

17 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Muxía é terra de artistas. De contadores de historias, de pintores: «Os contos son soños trasladados ao papel. Oxalá que eses soños, de cara ao futuro, sexan realidade». Onte, este recuncho costeiro estaba ben batido polo Atlántico, mais o Salón do Voluntariado, como mastro, aguantou sostido pola ilusión dos máis pequenos. Aí, nese templo que homenaxea en imaxes o traballo da marea branca do Prestige, celebrouse a entrega de premios da 14.ª edición do concurso Contos de Nadal convocado por La Voz e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP.

Aos dez nenos autores dos contos que acadaron máis puntuación faloulles o alcalde Félix Porto de historias e de soños, de como a cultura e o deporte han de formar parte da vida por seren capaces de «facernos libres e de facernos pensar por nós mesmos». Contoulles a escritora María Canosa, por outra banda, a historia da vila inundada de Portoseco e a de aquel día que choveu de lado, de espiral e do revés: «A veces, as historias chegan polo aire». Os libros son seres máxicos, hai que buscalos. Faloulles ela, tamén, do brillo da felicidade e dos sorrisos, da maxia dos relatos. Fóra, as pingueiras caían apropiadas. Dentro, a xornalista Verónica Couto ía conducindo o acto.

Calidade

Calquera das historias que os rapaces escribiron podería ser máxica, tal foi a calidade que Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, percibiu. El, que ten experiencia como participante nestes concursos, sabe da man amiga dos mestres e do esforzo dos nenos: «Sodes dignos herdeiros dos nosos avós, que tamén contaban historias, e eran capaces de contar moitas veces a mesma cambiándolle só o final». Muxián de Moraime, agradeceu á organización do concurso por «darlle outra dimensión ao ensino». «Cando os actores sociais se xuntan, a empresa privada, os centros e un grupo de comunicación, son quen de crear un mundo de oportunidades, e iso sempre pasa pola formación».

As oportunidades chegan tamén ás aldeas máis pequenas, como dixo José Toja Parajó, responsable en Galicia de EDP: «Estou encantado de estar cos nenos, a maior proxección de Galicia». Como os demais, felicitou aos rapaces e aos mestres pola participación: «Estou moi orgulloso. EDP aposta polos colexios e pola educación, e coas nosas becas axudamos a rapaces de familias con dificultades económicas para que estuden». Pai de mestra, sabe do esforzo dun lado e do outro: «Nós estaremos sempre aí, en pro dos nenos».

0 seconds of 2 minutes, 33 secondsVolume 90%
Press shift question mark to access a list of keyboard shortcuts
00:00
02:33
02:33
 
Pie de foto. Firma

Cazaron eles historias para este certame e así llo puxo de manifesto outro muxián, o director de La Voz, Xosé Luís Vilela: «Sodes a continuidade de algo dunha moi longa tradición en Muxía». Convidou aos pequenos a ir á biblioteca que está alí, preto do mar, para descubrir lendas fermosas coma a da Buserana. Pode haber beleza no son curto dun bico: o conto que el contou tróuxolles á memoria a viaxe máis longa da humanidade.

O primeiro premio viaxa ata o colexio de Bormoio-Agualada

Dunha ducia de colexios da comarca chegaron este ano máis de 130 textos de nenos para o certamen Contos de Nadal. Ademais de Toja Parajó, Vilela e Porto, estiveron presentes onte os rexedores de Coristanco e Zas, Antonio Pensado e Manuel Muíño, que axudaron a repartir os premios. Sete dos dez galardóns foron parar ao centro ceense Manuela Rial.

Na coviña do monte, o conto de Samuel Antelo Castro, alumno do colexio de Bormoio-Agualada, foi o merecedor do primeiro premio. Seguírono Un naufraxio un tanto especial, de Claudia Tarrela Pérez (colexio Manuela Rial Mouzo) e Un día especial, de Alba Regueira Bugallo (colexio Labarta Pose de Baio). Sete recoñecementos máis chegaron despois, por esta orde, para Cartas (Manuel Fernández de Larrionoa, Manuela Rial), O sufrimento dun pobo (Teo Castreje, Manuela Rial), A plataforma que non leva petróleo (Francisco Vieites, Manuela Rial), As portas máxicas do Nadal (Marcos González, Manuela Rial), O reno perdido (Pablo Rey, Manuela Rial), A noite de Nadal (María Pérez, Labarta Pose) e Onde vai papá? (Carlos Fidalgo, Manuela Rial Mouzo).