La Voz entregou en Muxía os premios do seu 20.º certame Contos de Nadal. Así foi o acto
16 dic 2023 . Actualizado a las 19:41 h.Para a entrega de premios da 20.ª edición do certame Contos de Nadal de La Voz saíu o sol. Néboa e xeadas madrugadoras, mais raios que se agradecían na faciana. Polas vellas rúas de Muxía, a vida dunha vila mariñeira un sábado á maña. «Isto non pasa en todos os sitios. Sodes afortunados de ter nacido e medrado aquí. Lingua, cultura, paisaxe, irmandade. Este é o principio da vosa carreira», díxolles Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, aos dez rapaces premiados este ano, encabezados por Sara Fernández, alumna do colexio Labarta Pose de Baio. Felicitou aos docentes e á organización deste certame que se remonta ao 2001, pola súa procura de talento literario: «Non son de Muxía, nin tampouco de Bergantiños ou da comarca, pero a familiaridade que nos une en torno á lingua faime vir cada pouco aquí. Sodes a zona de Galicia onde o galego ten máis saúde».
García fixo fincapé nas competencias e na capacidade de escrita dos máis novos, no nivel que medra, na información, na formación e no coñecemento. Todo isto se reuniu no que Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, definiu este sábado como un «santuario da cultura», e que non era a outro que a biblioteca Santiago Rey Fernández Latorre, un espazo que sorprendeu, pola súa esencia e carácter acolledor, a non poucos dos que ata alí se desprazaron. Nese refuxio de letras e historias falouse dos contos premiados, «para ler hoxe e gardar sempre». Lembrou Vilela que o edificio foi unha doazón do editor deste xornal, fillo adoptivo de Muxía, e falou igualmente, como non, doutra figura referencial das letras, o tamén muxián Gonzalo López Abente, «poeta do mar» e «poeta das emocións». De todas, das ausencias e das ledicias.
«Toda a nosa contorna está nos seus versos. É imposible estar en Muxía e non ter eses versos na cabeza e na alma». Recitou algúns e tamén contou un conto, falou do titán que coñeceu no Corpiño e do que son herdeiros todos os veciños da Costa da More. Deu, asemade, as palabras clave para invocar a felicidade. Funcionan!
A obtela axudan os contos, que tamén teñen moito de terapéutico. Veu cargada deles Atenea García, de Xarope Tulú, e comezou por Alicia a fedella. «Sentimos orgullo en Muxía por acoller este acto. Sodes o presente e o futuro da nosa sociedade», dixo Olalla Benlloch, edila de Cultura e Educación. Nunha ubicación «tan representativa» alentou aos rapaces a seguir participando neste certame. Ademais de Sara Fernández, e por esta orde de maior a menor, recibiron os seus galardóns Nathael Martínez, Manuel Lago, Fabio Vázquez, Hugo Calvo, Khoa Nantón, Laura Cerviño, Brais Garaboa, Bruno Cebey e Gabriel Ramos.
«O mellor agasallo de todos é un libro»
«Grazas por convocar este concurso que tanto nos axuda a atopar talentos literarios, naturais e adquiridos», abriu a ronda de intervencións Sinda Cundíns, directora do colexio Labarta Pose de Baio, centro que, como o ano pasado, volveu a encabezar neste o podio. Teñen cada mes alí o seu propio concurso, mais este é distinto, especialmente motivador para os nenos á hora de escribir historias. Da escritura creativa todo son virtudes: valores, lingua, gusto pola lectura.
«O mellor agasallo de todos é un libro», afirmou: polas súas aventuras, pero tamén porque falan de esforzo, de medio ambiente, de diversidade e tolerancia, alentan a capacidade crítica. Máis redondo aínda se ese libro se fai acompañar dun pequeno caderno, «para acompañar o feixe de emocións que nos trae».
E emoción, tamén, levaron ata Muxía dúas alumnas da Escola de Música de Cee: Alba Trillo, con Love’s greeting, saúdo de amor ao piano co que comezou o acto de entrega, e Lúa Iglesias, que pechou a cerimonia de novo con piano e tamén con voz: Peoples help to people. Entre todos, unha hora e media compartida: o tempo xuntos foi onte outro bo agasallo de Nadal.