Enrique Antonio Álvarez, hospitalero: «Ao mellor temos á hora de abrir 20 mochilas na porta e 16 viñeron en bus»
MUXÍA
Turismo a toda costa | O primeiro albergue público para acoller peregrinos na vila da Barca abriu hai 18 años
13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Enrique Antonio Álvarez Lodeiro (Corcubión, 1962) é un dos hospitaleiros do albergue público de Muxía. Estivo 20 años traballando en Suíza. Deixou alí un contrato para axudar na limpeza de praias cando a marea negra do Prestige e decidiu quedarse. Tiña tempo libre e fixo o Camiño desde Roncesvalles no 2005. En marzo do 2007 ofrecéronlle o posto.
—Contratárono porque fixera o Camiño?
—E por falar idiomas. É unha vantaxe. Falo alemán, italiano, francés e se me fas cincuenta preguntas en inglés dentro do albergue para poñer as normas aínda me defendo. Estás obrigado, sen darte conta, a aprender aquelas cousas. Cando hai unha pequena discusión, se lle falas na súa lingua, é mellor.
—Sempre hai problemas
—Hai 31 prazas, pero basta que teñas unha persoa un pouco complicada para arruinarche o día. No albergue público hai unhas normas máis estritas que nos privados. Non se trata de facer caixa, senón de ofrecer un servizo, pero garantir o espazo á xente que veña camiñando e cos selos. No verán chégache un grupo en autobús e protesta... É algo que sabemos os hospitaleiros. Non todo o mundo cumpre as normas. Ao mellor, temos á hora de abrir 20 mochilas na porta e 16 viñeron en autobús. Tes que enfrontarte a iso todos os días, sobre todo no verán. O que axuda é que hai albergues privados, no que van pagar un pouco máis e non van ter o problema de prazas. Peor era cando abrimos hai 18 años. Enchíase moi pronto e logo tiñan que pagar un hotel. Ao principio estabamos superados.
—Como está o Camiño?
—Non son unha referencia moi boa os meses de xaneiro e febreiro porque son meses nos que se para todo. Aínda que haxa un cambio de 50 máis ou menos dun ano a outro, agora hai sempre prazas. O ano pasado tivemos case 100 neste mes, o que foi un récord. Estase desestacionalizando bastante e está funcionando. Eu non me imaxino esta zona sen Camiño.
—Chamáronlle a atención os costumes dalgunha xente?
—Sobre todo a xente de fóra, cando vén facer o Camiño prepárase, infórmase. A min xa me está chamando xente incluso de España que xa está organizándose. Os coreanos, por exemplo, saben como funciona o Camiño perfectamente. As veces sorprende, pero penso que teñen unha boa información alí. Veñen moito no Nadal. Penso que cando máis falla a información é no verán porque é máis caótico o Camiño. Claro, agora por Pedrafita con neve é para catro intrépidos.
—No verán hai días completos?
—Algunhas datas si. Hai xente tamén que prefire ir a un privado porque ao mellor apetécelle ver a posta de sol desde o santuario e non desde a nosa terraza. Nós pechamos ás 22.00 horas. Os outros son máis flexibles. O albergue público está para darlle descanso ao peregrino. Entendemos que a persoa que fixo 30 quilómetros o que quere é descansar.
—Neste tempo tería coñecido xente curiosa.
—Un que vén en burro, outro vestido de campesiño austríaco... O día despois do de Nadal apareceu un matrimonio xaponés moi novo cunha nena de tres anos que tiña autismo e un neno dun ano. Había un frío que pelaba, eran as nove da noite e, ao final, un veciño acolleunos na súa casa porque non comeran aínda e non lles daba tempo antes de pechar nós. Ao día seguinte marcharon. Ves detalles da xente moi bos. Os de Muxía son bastante solidarios. Despois soubemos que o día de Noiteboa comeron cunha familia que os acolleu cerca de Santiago.
—Tamén establecería relacións de amizade.
—Hai xente que vén todos os anos camiñando, como Umberto, de Italia. Hai un par de anos que non vén e bótoo de menos porque non fallaba. É unha persoa de idade e non sei o que lle pasaría. Ten no seu pobo, na Toscana, un museo do Camiño.