A viva voz | Escribe Xesús Búa | Media vida no mar e media na terra, que volvería elixir de volver a nacer
10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Nacer a vinte metros do mar en marea baixa, e nunha familia mariñeira, cun pai que con oito anos xa era armador da súa ghamela por orfo de pai. Eran as condición maxistrais para acabar sendo mariñeiro e mandar o seu propio barco. Todas estas condicións eu xa as cumpría de cheo, e así acabei a primeira parte da miña vida, andando ao mar, como se di aquí en Muxía.
Dende que nacín ata os trece anos, o máximo que me alonxei da Ribeira do Capitán era para ir á escola á Camposa ou apañar alghaso ás pedras dos Cascóns, o Carreiro e ata a Barca (este último era prohibido pola miña nai). Apañabamos alghaso gordo e fino, que era máis caro, e só había na Barca. Os cartos que xuntabamos eran para as festas, a do Carme de Muxía, a de Moraime e a Romaría da Barca. Sempre gardaba algo para mercar os cómics que tanto me gustaban, e que me traía miña avoa Teresuca da Coruña. Aquelas Joyas Literarias, Héroes Marvel, sendo o meu preferido Namor, o príncipe submarino (que menos para un que amaba a vida no mar).
Pero chegaron os trece anos e había que elixir terra ou mar, seguir na escola ou empezar o mar. Xa andaba eu polo sexto curso da EXB e, claro, a elección xa estaba tomada: traballar e ter cartos ou seguir na escola.
Así que un día 2 de outubro do 1974, xa coas botas e a roupa de auga compradas, aquel rapaz de trece anos empezou a ir ao mar, aquel que nunca máis de cincocentos metros se alonxara da súa Ribeira do Capitán, ía ver cos seus ollos o Cachelmo e a Furna da Buserana, a Punta da Buítra e os cabalos soltos polo monte arriba. O Cabo e o faro Touriñán, e máis ao norte xa ía coñecer o faro Vilán e o Vilán dos araos e os corvos, as Baleas (unhas pedras pola costa camariñana que simulan que son baleas, ata co seu chorro o aire).
Polo de agora ía ao mar pola mañá e á escola pola tarde, así practicamente o ano escolar. De compañeiro de pupitre tiña a Suso Sambade (hoxe, o meu cuñado), que era moi bo en todo que fosen letras e literatura, mentres que eu destacaba en plástica, debuxo e naturais. Entre os dous acadamos varios premios de debuxo, redacción ou contos: hoxe chamaríanlle premios de arte e literarios.
O noso mestre, Xoán Babarro González, vendo que eu acabaría indo ao mar, cabreábase comigo dicíndome que así non podía estar, que perdía moitas horas de clase, e que ti vales moito como alumno e non podías acabar sendo mariñeiro tan cedo. Eu, xa cheo de tanta insistencia do mestre, solteille: «Pois agora non vou vir nin á mañá nin á tarde». Sei fose hoxe, aos meus pais levaríanos presos.
Ser fotógrafo
Pero con todo isto, eu tiña un soño dende os once anos, que era ser fotógrafo. Cada vez que vía a Ramón Caamaño, o que el facía e sentía pola fotografía, eu alucinaba. Dende aquel día que miña avoa Teresuca me regalou a primeira cámara de fotos Kodak Pocket 110, dende ese día ata hoxe sempre levei e levo una cámara comigo.
A vida no mar seguía. Iso si, nunca deixei de estudar. De forma autodidacta saquei o graduado escolar, os títulos que me facían falta para gobernar un barco, patrón de pesca e motorista de 250 cabalos (medida que se utiliza para saber a potencia do motor dun barco). Aprendín o inglés por casetes e, como non, estudei fotografía. A fotografía e a música levábanme a cabeza a outros lados, pero a fotografía era o meu soño.
Certo día, con doce anos estaban meus irmáns e os mariñeiros do barco subindo una ghamela, pola Area da Praia das Lanchas. Eu, coas dúas mans, estaba encadrando esa imaxe que a miña cabeza vía, cando por detrás una man aberta deu contra esa cabeza soñante. Era o meu pai dicindo: «Pasa axudar a teus irmáns a subir a ghamela». Esta foi a primeira bofetada que levaba por culpa da fotografía.
A sorte de vivir nun pobo da Costa da Morte —e a min tocoume Muxía— faiche ser diferente, pois a natureza é parte da nosa vida e vives no medio dela e ámala como tal. Dende o ano 1974 ata 1990 puiden e fun mariñeiro, patrón, motorista e ata cantei nun grupo musical, Os amigos, pero esta xa é outra historia.
Dende 1993 ata o 2002 xa compaxinei o mar e a fotografía. E nesa época creamos a miña dona, Lola Sambad, e eu Foto-Librería Lolas. A partir do ano 2002 xa só me dediquei en pleno a ese soño que sempre tiven, o de ser fotógrafo e amar a fotografía. Fotógrafo na Costa da Morte: un luxo poder presumir da terra que tanto amamos. Por iso me sinto un anfibio da Costa da Morte, media vida no mar e outra parte na terra. E se volvese a nacer volvería elixir ser outra vez eu, Xesús Búa, un anfibio da Ribeira do Capitán.
DNI
Xesús Búa. O propio autor describe no texto desta páxina toda a evolución vital que o foi levando, sendo aínda un neno, primeiro cara o mar e despois cara a fotografía, paixón que converteu no seu traballo dende hai xa moitos anos. Ten colaborado largamente con La Voz de Galicia, participado en numerosas exposicións, entre as que destacan as imaxes de Homes e mulleres de sal e ferro, que xa pasaron por numerosas salas. Muxía, sobre todo (e A Barca, en todos os seus aspectos), pero tamén a Costa da Morte no seu conxunto, forman parte da mirada do seu obxectivo, ademais nun proxecto vital axunta coa súa muller que leva o nome de Foto Lolas, comercio que mira ao mar.