Comarea, o festival renovado que abre decembro dende Muxía

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

O festival, na súa edición do 2017, en pleno verán. Este 2024 muda ao inverno, así que haberá que abrigarse máis
O festival, na súa edición do 2017, en pleno verán. Este 2024 muda ao inverno, así que haberá que abrigarse máis XESÚS BÚA

Do verán ás portas do Nadal: as actividades, promovidas por Horta Creativa, botarán a andar mañá e seguirán ata o domingo

03 dic 2024 . Actualizado a las 17:14 h.

«Os tempos mudan, as inquedanzas tamén». Foi baixo esta idea que a cooperativa Horta Creativa presentaba a mediados de outubro a nova concepción do festival Comarea da Muxía. O encontro volve, si, mais cun formato renovado pese a non mudar o obxectivo principal: «Dinamizar a vida cultural en Muxía e aportar o noso gran de area á construción dunha escena local e integradora na Costa da Morte». O cambio máis visible, o salto de datas: do verán, cando se levaron a cabo as cinco edicións anteriores —catro na praia de Os Muíños e unha na praia da Cruz—, ao mes de decembro: así, as actividades do Comarea 2024 comezarán mañá e seguirán ata o domingo 8.

Un festival desestacionalizado, interxeracional e diverso en estilos musicais. Velaí a nova concepción. Tivo boa acollida o traslado a esta semana na que aínda non comezou o balbordo do Nadal, como así manifestaba onte Manu Nogueira dende a organización. É unha decisión ben acollida, tamén, por aqueles que teñen negocios no municipio: agardan que a afluencia reverta en máis dinamismo para bares, aloxamentos, supermercados ou mesmo, tamén, taxis. «É moi positivo para o pobo recibir visitantes fóra do tempo estival», trasladaron dende Horta Creativa.

Duascentas persoas acudiron ao festival no 2015 e 1.500 no 2019, mais agora a aspiración non son grandes números, senón todo o contrario, polo que se aposta por pequenos formatos e aforos reducidos, para que cada un dos asistentes «se sinta importante». Buscan «conexión», cos artistas e co territorio. Para a maioría dos grupos será a súa primeira vez en Muxía, mesmo na Costa da Morte, e para tres, incluso, a súa primeira parada en Galicia: GUTS, Mustard e Macadam Crocodile.

Horta Creativa xestiona dende hai un tempo, igualmente cunha nova concepción, o cámping Lago-Mar, á beira dunha das praias máis fermosas da comarca. É aí onde se farán os concertos principais —de pago salvo unha sesión vermú—, mais haberá moitos outros totalmente de balde, en tres establecementos hostaleiros da vila: «Lugares que foron, son e serán puntos de vida social en Muxía». Non puido ser, finalmente, no espazo da lonxa.

«O Comarea 2024 será un festival para todo aquel que lle guste a música, independentemente da súa idade», apunta Nogueira. Á ampliación dese público obxectivo, a unha maior implicación, tamén procuran chegar a través das actividades paralelas, que pasan por obradoiros, un faladoiro ou mesmo unha limpeza de praia, nese afán de conciencia de lugar.

O adianto Omiri

En todas e cada unha das edicións, trasladaban dende a organización no momento de lanzamento do programa, Comarea tivo o apoio institucional do Concello e da Deputación. Veñen por diante días de actividade, de actividade distinta á habitual nun mes de decembro. Para mostra, o «adianto» que deron no seu día: Omiri. Hai expectación. Omiri é un dos proxectos máis orixinais da nova música portuguesa, un mix de música tradicional lusa xa esquecida xunto con ritmos electrónicos deste século XXI.

A MÚSICA

16 propostas. Sofía Espiñeira e Bonita & Sabrosa serán as propostas do 5 de decembro (22.30, de balde, O Porto). Na vermú do día 6, no cámping Lago Mar, e de balde, estará Pamela Rodríguez DJ Set. Serán de pago os concertos dese día 6 pola tarde (19.00): Catuxa Salom, Chicharrón, GUTS, Maikel DJ Set e Sonido Tupinamba. Pulpiño Viascón é a proposta do 7 ás 13.00, de balde (Plaia das Lanchas), quedando para as 19.00 no cámping, de pago: Macadam Crocodile, Mustard, Omiri, Rapariga DJ, Toccororo e Zars B. O día 8, ás 13.00, Family Folks de balde en As Baleas. Tiques: woutick.es.

BASILIO BELLO

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Talleres de percusión doméstica. Mañá e pasado (3 e 4 de decembro), na biblioteca municipal, ás 19.30 horas. Creación de ritmos con obxectos da casa: potas, garfos... Con inscrición!

Faladoiro cultural. O 5 de decembro, ás 19.30, tamén na biblioteca. Pasado, presente e futuro do traballo coa cultura. Participan Viki Rivadulla, Xosé María Varela e Nieves Lema.

Limpeza da praia. A do Lago, ás 10.00 da mañá do día 6, con posterior taller creativo con lixo mariño, en colaboración con Mar de Fábula. Precisa inscrición.

BASILIO BELLO

A FILOSOFÍA

Desestacionalizado e interxeracional. O inverno é moi longo, e decembro un mes fóra da voráxine do tempo estival. Non procuran un só público, senón chegar a idades diversas e incluso familias: os concertos comezan cedo.

Diversidade. Empezando polos estilos musicais: folk, R&B, funk, soul, disco, dance, house, electrónica, worldmusic e máis.

Chegar... e quedar. Todas as persoas que teñen entrada para o Comarea terán opción a unha parcela sen custo no cámping Lago-Mar para os días 6 e 7: autocaravana, tenda, cámper...

OS ESPAZOS

Cámping e bares. Ou mesmo a praia do Lago, no caso da limpeza, e a biblioteca, no dos talleres e faladoiro. Os concertos de pago serán no cámping Lago-Mar, mais tamén haberá actuacións en tres bares, que son O Porto, As Baleas e Plaia das Lanchas.

BASILIO BELLO

Aforos reducidos e ambientes cómodos. A idea coa que se traballa nesta nova concepción do festival Comarea de Muxía é a importancia da conexión artista-público. É por iso que os aforos son reducidos e búscase ademais neles un ambiente de comodidade. Un bo sabor.