Ruta polos petróglifos de A Fieiteira

pablo sanmartín

PONTECESO

CEDIDA POR EL COLECTIVO A RULA

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula, da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso. Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos. O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do Promontorio cormelán. De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.