
A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá este domingo o primeiro Encontro de Baile Galego Foliada do Río Grande
01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Parece que van vindo novos tempos para as asociacións Airiños do Río Grande (Pasarela) e Foliada de Salto. En colaboración co Concello de Vimianzo e coa entidade Neira Marcos, as dúas agrupacións veñen de xuntarse para organizar a primeira edición do Encontro de Baile Galego Foliada do Río Grande. Será este domingo que vén, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo. Iván Villar (Brens, Cee, 1980), veciño da Coruña, é o profesor tanto de Airiños como de Foliada. Con titulación en flamenco polo conservatorio de Madrid e co grado profesional de danza contemporáneo feito, conta que a idea é que esta proposta «siga no tempo».
-¿Que teñen preparado logo para este vindeiro domingo?
-O que facemos é unha xuntanza de grupos da zona, na que ademais dos conxuntos organizadores participarán tamén a Agrupación Breogán de Brens e a Agrupación Xaldón, da vila de Corcubión.
-¿Dende cando baila vostede? ¿Cando comezou a facelo?
-Empecei a bailar con cinco anos, precisamente na Escola Breogán de Brens, co profesor Ricardo Rei. Estiven ata os 16, no que me ofreceron pasar ao Ballet Galego Rei de Viana. Aí estiven tres anos, e logo seis máis con contrato profesional. Despois, pasei polo Centro Coreográfico e, finalmente, Nova Galega de Danza, cos proxectos Tradición, Dez e, por último, Son. Aínda agora sigo con eles.
-¿Compaxínao coas clases?
-Si, dou clases en Vimianzo, nesas dúas asociacións, Foliada de Salto e Airiños de Río Grande, e tamén no grupo Falcatruada de Monterroso. Na primeira levo tres anos e, na segunda, en Pasarela, dous.
-Falamos de dúas asociacións con implicación e boa acollida.
-Para a poboación que é, eu digo que si. Ten moito mérito, sobre todo en canto ao nivel dos alumnos. Hai uns 30 rapaces por grupos e apréciase unha mellora, tanto a nivel de motivación como a nivel de danza, mellorando as expectativas de facer logo unha agrupación aínda maior.
-¿Que tramo de idades teñen?
-Hai alumnos nos grupos dende os 5 anos ata os 21 ou 22.
-¿Por que di iso da motivación?
-Antes estaba a profesora Paula e pediume que continuase eu coas clases, necesitábase algo novo. Ligado aos cambios tamén vén a motivación. Temos ensaios todas as semanas, dúas horas os venres, e máis despois puntualmente no caso dalgunha actuación.
-Son entidades activas, logo.
-Si. Adoitemos ter por exemplo a gala de fin de curso, todos os anos. Agora este festival, máis as actuacións de verán...
-¿Cal é o obxectivo deste festival que se estrea o domingo?
-Este ano temos grupos de Brens e Corcubión, pero a idea é continuar con máis edicións e traer xente de Lugo, de Ourense... Facer como intercambios, tamén para que se coñezan outros mundos.
-¿Como se implica a xente de Pasarela e de Salto nestas citas?
-A xente anímase e involúcrase, están sempre dispostos a colaborar a nivel de todo, tamén vestiario, decoración... Estou moi contento.
-A pregunta é obrigada: ¿que saúde ten o baile tradicional?
-Penso que a música e o baile tradicional melloraron moito, evolucionaron. Están nun bo momento. Por así dicilo, o que nós facemos non é baile tradicional, senón unha tradición estilizada, danza galega, estilo Rey de Viana. Digo que hai un gran nivel, que se mellorou bastante e se abriu moito.
-¿Que pode avanzar do festival?
-É gratuíto. Calculamos que dure sobre hora e vinte cada un dos grupos actuará sobre 15 minutos. Teremos dúas presentadoras e unha posta en escena particular, pero é sorpresa. Haberá imaxes e proxeccións. Non tivemos moito tempo, pero é a primeira vez e estamos moi ilusionados. Vai saír ben.