Ángeles Goás, narradora oral: «Un conto tamén é unha obra de arte»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

CEDIDA

Este sábado actuará en Vimianzo, xunto con Caxoto, na sesión «Costureiras»: 20.30 horas, Casa da Cultura

17 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Salvoume contar un conto», di Ángeles Goás Amado (Abadín, 1972). Ela, que é mestra en Compostela, lembra así como foi o seu primeiro día de profesión, nunha aula de pequenos de tres anos: «Fíxate como ía que eu non sabía que os nenos choraban cando empezaban... Ocorréuseme comezar a contar, eles comezaron a calar e a escoitar...», describe. Goás considera que o conto é unha ferramenta utilísima para a educación, e ela aproveita sempre que pode para narrar ante os máis novos, pero sobre todo faino ante adultos. É nesa faceta coa que chegará este sábado a Vimianzo, da man de Tarabela Creativa e na compaña de Felipe Díaz, Caxoto, sobre o escenario. Ambos ofrecerán a sesión Costureiras, incluída ademais na programación municipal en torno ao 25N.

«Costureiras é unha sesión que nunca é igual, son contos tradicionais e tamén historias de vida, con fondo de realidade, desas mulleres que saían da casa coa máquina na cabeza e ían así polos camiños, unha semana para unha casa, outra para outra...». Detrás deste espectáculo hai historias recollidas e anécdotas persoais, retais que con puntadas a veces improvisadas van derivando niso mesmo, nunha función cosida: «O outro día, en Aguiño, Caxoto empezou a contar unha historia. Eu levaba na cabeza contar outra, pero vendo o que el dicía, tirei por unha distinta... A narración oral é así, ir tirando de fíos». Con Costureiras empezaron a xirar en xullo do 2020 e a acollida está sendo moi boa. 

Ana Garcia

Por que costureiras? Caxoto e Ángeles querían facer algo xuntos e optaron por cousas comúns. Os dous son de Lugo (el de Cervo) e os dous son fillos de costureiras. Os dous afiaban xa de nenos a escoita das historias delas. Tan importante é o narrador como quen oe, di Goás. Súa nai xa non colleu eses tempos de andar coa máquina na cabeza, pero súa avoa si, e tamén «a señora María», unha veciña de Abadín.

Concorda a narradora en que o hábito de escoita se foi perdendo co tempo, porque a vida de agora non é a de antes, porque todo vai máis a présa, porque hai menos tempo. «É moi importante fomentala», afirma. Pon o exemplo dos nenos, do vital que resulta ir tirando do seu maxín. «A veces vas contar a unha biblioteca e os nenos que veñen son os máis pequenos, ao mellor a partir de 9 ou 10 anos xa non os mandan, e iso é unha pena, porque se vai perdendo», reflexiona. Tamén se tende a asociar contos con nenos e nada máis lonxe da realidade: «Moitos adultos descobren canto lle gustan os contos».

Felipe Díaz e Ángeles Goás, en Costureiras
Felipe Díaz e Ángeles Goás, en Costureiras

Poñer en valor as contadas é, en certa medida, un dos fins do colectivo Narración Oral Galega, Noga, do cal Goás forma parte. Hai contos ben diversos, dende logo. Goás é a proba: máis alá de incluír contos tradicionais e historias de vida, nada ten que ver Costureiras con Divas de diván, contos eróticos para abrir boca, a sesión que a traerá a Cee na compaña doutras contadoras o 27 de novembro: «Nesta función saen risas por un tubo».

«Directos ao corazón»

«É unha marabilla que te escoiten con atención. Unha vez, unha nena de cinco anos, cando rematei de contar, quedou pensando e preguntoume: ‘Pero isto que nos contaches, é un conto ou é unha historia?». O pouso das vivencias. «Un conto aporta o que lle aporta a arte ás persoas, porque un conto tamén é unha obra de arte, alimenta, emociona, transmite mensaxes, fala de problemas sociais, da vida mesma...». O 25N é un exemplo: nas programacións da Costa da Morte hai moitas contadas sobre isto. «Os contos van directos ao corazón, ti entras na historia, es partícipe dela, incorporas a túa experiencia», reflexiona Ángeles. Pura intensidade.

Para ela, a deste sábado será a súa primeira vez en Vimianzo. Habitual no verán de Foz, conta que lazos coa comarca da Costa da Morte non ten, «a non ser o meu profundo amor polo mar». Chega a Soneira da man de Tarabela, proxecto de Carmen Conde e Diego Gallego: «Traballar con eles é un pracer. Boa xente, bo corazón. O mundo iría mellor con moita máis xente así».

Cando e onde: máis detalles

 «Costureiras» poderá verse este sábado, ás 20.30, na Casa da Cultura de Vimianzo. O custe da entrada é de 5 euros (2,5 no caso de ter dereito a bonificación). Poden mercarse de forma anticipada en woutick.es ou na Casa da cultura, de 09.00 a 14.00. O propio día da función, dende unha hora antes do espectáculo.