O coreógrafo Iván Villar: «O folclore galego está de moda»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Villar, nunha representación de Leira en Carballo
Villar, nunha representación de Leira en Carballo ANA GARCIA

A VIVA VOZ | Estreará mañá cos seus alumnos «Tempos de nubeiros», na Foliada do Río Grande, en Vimianzo. «Eu estou co meu, co noso, e así seguirei», reivindica o merecedor dun Premio Max no 2021

10 feb 2023 . Actualizado a las 11:52 h.

Premio Max 2021 ao mellor intérprete de danza masculino, Iván Villar Agulleiro (Brens, Cee, 1980) ten mañá unha data sinalada en Vimianzo. A programación de inverno no auditorio da Casa da Cultura avanzará coa Foliada do Río Grande: 20.30, gratuíta. Será a quinta edición dun encontro promovido por Airiños do Río Grande e Foliada de Salto, das que este bailarín e coreógrafo é profesor. Unha cita coa tradición e cunha nova coreografía que presentarán Iván e alumnos. Baile e historia.

—Que prepararon para mañá?

—O espectáculo Tempos de nubeiros fala deses seres mitolóxicos que eran os nubeiros, ou tronantes, os que traían as treboadas, as tempestades que arruinaban colleitas. Vaise xerando unha historia, un conto que escribín arredor destes seres, e do seu encontro cos habitantes dunha aldea que situei na Ulloa, no centro de Galicia, case no interior.

—Podería ser Pasarela ou Salto.

—Si, podería, porque isto fala de colleitas. De trigo, pero pode ser millo ou patacas, estamos falando de que se arruína toda a vida desa aldea, era co que se sostiñan ao longo de todo o ano. Amosaremos esa vida, como comezan as súas xornadas de traballo, como van sementar, como ven medrar os froitos, e como todo se arruína. Máis a vila únese e consegue derrotar a eses seres, a base de tocar as campás, volvendo ao bucle do traballo de todos os anos.

ANA GARCIA

—Como foi retomar a docencia logo do tempo de pandemia?

—Duro, unha volta a empezar. Houbo que sacar medos que nos quedaron a todos, en todos os sectores. Estivemos parados un ano ou ano e pico, hai rapaces que cando os volvín ver xa non eran os pequenos que deixara. Houbo que reestruturar e de aí vén un pouco a idea de xuntar as dúas escolas. Xa levabamos un tempo facéndoo, e de feito esta foliada é Foliada do Río Grande porque aúna Foliada de Salto e Airiños do Río Grande. Aínda así, este ano quixemos dar un pasiño máis e contar unha historia. Nunca se fixera, temos ganas.

—Que lle trouxo o Premio Max?

—O agradecemento a un traballo de tanto tempo. Levo máis de vinte anos dedicándome como profesional a isto, e bailando dende os 5. Para min foi un agradecemento á traxectoria, aínda que o galardón fose por un espectáculo específico, Leira, de Nova Galega de Danza. E, creo, ademais, que foi un premio ao folclore galego: nunca houbera ningún para o noso folclore, nin ningún bailador galego que levase un Max. Sentino un pouco en representación de todas as asociacións e persoas que saímos de aí. Eu empecei na Sociedade Deportiva e Cultural de Brens. Foi o que se me veu á cabeza cando mo deron: o meu mestre, Ricardo Rey, e todo ese traballo de tantos bailadores que empezaron na súa aldea. Era fútbol ou baile, era o que había daquela.

Villar agradece el galardón en la gala de entrega de la 24.ª edición de los premios Max de las artes escénicas.
Villar agradece el galardón en la gala de entrega de la 24.ª edición de los premios Max de las artes escénicas. Luis Tejido | Efe

—Mais trouxo moita visibilidade.

—Si, claro. A compañía na que estou, Nova Galega de Danza, xa tiña unha visibilidade importante en Galicia, pero claro que foi un plus. A min a vida non me cambiou [ri]: sigo dando clases onde as daba e sigo coa mesma compañía. Tes máis ofertas, saen cousiñas... pero bueno, eu estou cos meus, co noso, e así seguirei.

—É docente en máis lugares?

—Levo uns 17 anos dando clase en Falcatrueiros de Monterroso (Lugo), a primeira escola onde comecei como profesor. Alí sigo, e encantado. Un pouco a inspiración de que sitúe este espectáculo de Vimianzo na Ulloa vén tamén de aí, quería que dalgún xeito estivesen representados.

Asociacións da comarca acreditaron un rexurdir do interese pola tradición a raíz do fenómeno Tanxugueiras. Aí está ademais Aida Tarrío, ligada á danza.

—Si que se nota, e ademais agradécese, que elas reivindiquen o noso folclore. Aida, efectivamente, está ligada á danza, ao canto, á pandeireta... Ten colaborado connosco e, de feito, en Leira moitas das voces son de Aida Tarrío.

—Folclore tradicional e danza contemporánea. Nova Galega de Danza leva xa decenios traballando nisto, e encaixa. Xa quedaron atrás as voces máis puristas?

—Os galegos somos máis abertos do que se cre, en xeral. Aceptamos ben as evolucións. pasou hai tempo na música, con Berrogüeto, Luar na Lubre, Milladoiro... A evolución do tradicional ao folk, incluso ao jazz. Iso estase levando agora á danza tradicional. Hai compañías como Fran Sieira, que están saíndo, ou como Nova Galega de Danza, que en breve cumpre 20 anos. Diría que estamos nun momento no que o folclore galego está de moda, e segue de moda. Sempre temos que aspirar a que estea máis recoñecido, pero creo que imos polo bo camiño.

—Bailar élle unha liberación?

—Si, é o teu espazo, o espazo baleiro, onde ti estás na túa burbulla, no teu momento. O que lle intento transmitir aos meus alumnos é que, en calquera cousa que fagan na vida, que teñan ilusión. As cousas conséguense.

—Que ten entre mans?

—Imos empezar con Nova Galega unha nova produción, cun coreógrafo estranxeiro, que nos vai botar unha man para crear estes vinte anos de compañía. Algo diferente. Quizais para mediados de ano estaremos presentando.