«Love Mills» ou o patrimonio en torno aos muíños de Vimianzo que chegará a Italia
VIMIANZO
Dez mozos italianos fixeron estes días unha inmersión en Soneira cuxos primeiros resultados se verán este venres: 22.00 horas, patio do castelo, programa Vimiansol
24 ago 2023 . Actualizado a las 20:30 h.Venres 25 de agosto • 22.00 horas • O programa cultural Vimiansol, en Vimianzo, chegará esta fin de semana ao seu fin. A primera das citas será este venres, ás 22.00, na fortaleza, unha nova Noite no Castelo que terá como protagonistas a un grupo de dez mozos italianos —seis mulleres, catro homes— que presentarán parte do proceso creativo de Love Mills (Amor de muíño). Forman parte da Federación Italiana de Teatro Amador —FITA—, que cada ano organiza unha actividade mediante a cal se xuntan mozos para aprenderen e crearen un espectáculo. A formación dos mozos, que viaxan con tres docentes, transcorre en catro países, de xeito que a Italia, Francia e Hungría se suma Galicia, tendo como entidades de acollida a Deaquíeacolá (Santiago) e á compañía teatral vimiancesa O Sol de Outono, coordinada por Soraya Lema. É da súa man que chegaron a Soneira.
Love Mills —Amámolos muíños— xirará en torno ao muíño como lugar de encontro comunitario e mais en torno ao cereal como base alimenticia en Europa. Nun lado e noutro fóronse empapándose de cada lugar, no caso de Galicia coa singularidade, por exemplo, da música, das muiñadas, pezas asociadas ás moendas. «Trátase de saír fóra do seu país para ampliar miradas», conta Soraya Lema, que define todo este proceso como sumamente enriquecedor. Agradece a todas as entidades e persoas que brindaron colaboración, como foi o caso do Concello, coa cesión do auditorio para traballar, ou incluíndo esta presentación do traballo creativo no Vimiansol: «Cando non hai freos a verdade todo é máis doado», indica. Non obstante, foron moitos máis os participantes, mesmo Cáritas coa cesión dalgún material necesario.
Dende a chegada dos mozos italianos o sábado 19 foron acollidos, por exemplo, nos albergues de Baíñas e Berdoais, coa colaboración da Asociación Parroquial san Pedro de Berdoias. Tamén se achegaron aos Batáns do Mosquetín, ao Muíño de Manuel en Pasarela, aos Penedos de Pasarela e Traba ou ao Muíño de marea de Cereixo, visitas guiadas pola técnica de Turismo Mariví Amigo e polo docente e membro do Semescom Moncho Gándara. O luns comenzaron xa ensaios na Aula de Natureza de Baíñas e na Casa da Cultura, e tiveron a oportunidade de escoitar ademais ao mozo David Roget, guiándoos polos muíños de Cambeda con sorpresa final: cantares e bailes para a ocasión a cargo de Trubisquiña.
A estrea da peza teatral será en setembro, en Cerdeña, e aí pode ser que se vexa unha cantarea de Berdoias de par dunha vestimenta de Hungría. Haberá que velo, e haberá que estar atentos tamén este venres a esa demostración de que é posible crear historias a partir do patrimonio cultural, recuperando a memoria dos devanceiros, como tamén é a filosofía da compañía O Sol de outono.