Vimianzo ábrelle as portas ao mar da Costa da Morte coa película «Sica»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

A vimiancesa María Villaverde é unha das protagonistas da cinta e participará nun coloquio antes do filme

16 nov 2024 . Actualizado a las 14:30 h.

Hoxe • Se nos últimos sábados houbo teatro, monicreques ou danza, a cita de hoxe no programa cultural de outono do Concello de Vimianzo será co cine. Co cine da terra, porque o que se poderá ver das 20.00 en adiante será a película Sica, rodada na Costa da Morte. O filme chega a Soneira co Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, financiado polo Ministerio de Agricultura, e antes da proxección haberá un coloquio no que tomará parte unha das protagonistas da peza, a vimiancesa María Villaverde Ameijeiras. Na conversa participarán tamén a subdelegada do Goberno, María Rivas, e a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Acceso libre e de balde.

María Villaverde ten hoxe 22 anos. Pasado xa ano e medio da estrea da cinta, en maio do 2023, facía balance onte daquela experiencia: «É algo que non se vive todos os días, algo bonito, sempre me vai quedar iso aí, veña o que veña. Quedei contanta de probar». Sica, primeira longametraxe de ficción da directora Carlota Subirana, fascinada por esta comarca facendo o Camiño dos Faros, tirou de talento local e amador como o de María: «Sempre me gustou, pero nunca probara».

De feito, Villaverde iniciou estudos de Comunicación Audiovisual en Santiago, mais logo do primeiro curso na facultade pasouse a Psicoloxía, onde xa leva dous: «Tamén me chamara sempre, a curiosidade de coñecer o porqué dos comportamentos e así, pero logo tamén está a parte de axudar, que fun descubrindo co tempo. De dedicarte a algo, aportar algo á sociedade», apunta. Neste tempo transcorrido presentouse a algún cásting, por non deixar de todo de lado o audiovisual, pero sen nada en firme: «É complicado, máis do que parece».

Villaverde, veciña da zona da Gándara, asegura que ter participado en Sica si lle trouxo naquel tempo máis recoñecemento, mais nin vida nin amizades mudaron. Para ela mesma a película supuxo unha descuberta do mar, e incluso de zonas próximas, como en Camariñas: «Nós estamos máis acostumados a este entorno e beleza, pero á xente de fóra si lle impactaba», di unha moza que confesa predilección polos thrillers e o cine de misterio.