David Merelas, MereClown: «Arrincar unha risa é o máis bonito que se pode facer»
VIMIANZO
Acompañará máñá co espectáculo «O axudante do Nadal» a entrega de premios dos Contos de Nadal de La Voz, en Vimianzo
20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Un día sen rir é un día perdido. Dío Moc Moc Espectáculos y Animación, facendo súas palabras de Chaplin. Avanzando citas para a fin de semana, mención especial merece a entrega de premios da 21.ª edición do certame Contos de Nadal promovido por La Voz. Será mañá, sábado, ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Vimianzo. Ademais de recoller os seus galardóns, pequenos e familias poderán gozar dun espectáculo que leva por nome O Axudante do Nadal e que achegará a Soneira a David Merelas, Mere Clown. El mesmo, unha das patas de Moc Moc, falou onte en Radio Voz:
—Como vai para Moc Moc?
—Moc Moc somos varias compañías. Estamos a miña parella, Fanny, e eu, que somos un pouquiño os que levamos cuestión de produción e distribución, e que facemos os nosos propios espectáculos, pero logo tamén hai outras compañías integrando esta familia. Comezamos a tempada mañá [por hoxe] cun dobrete, en Cerdido pola mañá e en Lalín e Sandiás pola tarde. Veño de contar e, entre este día 20, e o 5 de xaneiro, teremos 32 actuacións.
—Fai falta persoal!
—Seremos unhas 13 ou 14 compañías as que nos ocuparemos desas citas, entre as que hai mesmo tres cabalgatas, en Paderne o día 4, en Santa Comba o 5, e o 5 tamén andarei eu con Pequedisco Moc Moc, dúas horas de música, na Pastoriza, como fin de festa da cabalgata.
—Virá o sábado á Costa da Morte. Élle comarca coñecida?
—Estiven dúas veces en Vimianzo, unha no 2019, e logo no 2020 ou 2021. Contactaron agora de novo por este espectáculo que está a medio camiño entre circo, clown e contacontos de Nadal. Encaixaba bastante ben na data.
—Que contido traen co «axudante de Nadal»?
—Será unha versión un pouquiño adaptada para a ocasión [a entrega de premios]. É un espectáculo que fago eu mesmo e no que tamén entra moito a interacción do público e o xogo coas emocións propio do clown. En canto a contido, o que queremos é transmitir que son unhas datas nas que polo xeral a xente fai un esforzo para xuntarse, coa familia ou coas amizades, e que iso é o importante, os sentimentos, non o material.
—Como acabou sendo Mere un tolo contacontos circense? Acrobacias, malabares, equilibrismos... Que o levou ata aí?
—Uf! Deu moitas voltas a vida. Eu en realidade son técnico de laboratorio químico, e a miña parella bióloga, por máis que ela si fai máis actividades ligada a ese campo, e ao medio ambiente. Tiña 28 anos cando descubrín o mundo do circo e clown, comecei na Asociación Manicómicos, e logo cando naceu o meu primeiro fillo, decidín montar o meu primeiro espectáculo, ano 2014/2015. Ese cambio laboral foi a mellor decisión que tomei. Isto é o que me gusta: estar cos nenos e familias. Arrincar unha risa é o máis bonito que se pode facer.
—Acompañará mañá unha entrega de premios a contos escritos por nenos. Día de talento.
—Pois si. Gustoume bastante todo o que ten arredor de si a proposta, hai que promover o achegamento dos máis pequenos cara a cultura.
—Día sen rir, día perdido.
—É a filosofía que tratamos de seguir, si, que por moi mal que vaian as cousas hai que sacar un pouquiño de lado bo, iso é o que intentamos os que nos dedicamos a isto.