Vimianzo prepárase para a sétima Foliada do Río Grande

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Unha das imaxes que deixou a última edición desta Foliada
Unha das imaxes que deixou a última edición desta Foliada BASILIO BELLO

Será o 8 de febreiro, con estrea de espectáculo e Falcatrueiros de Monterroso como grupo convidado

25 ene 2025 . Actualizado a las 19:04 h.

8 de febreiro • A cabalo entre finais de xaneiro e comezos de febreiro botará a andar con máis forza a programación cultural na comarca. Carballo terá parte de culpa nisto, co lanzamento do seu programa Cultura con forza, mais antes de que chegue o entroido, moitos outros Concellos e entidades sumarán propostas para dinamizar a vida da Costa da Morte. É o caso das asociacións Airiños do Río Grande (Pasarela, Vimianzo) e Foliada de Salto, agrupación tamén soneirá, que volverán xunguir forzas para organizar unha nova edición —a sétima— da chamada Foliada do Río Grande.

Contan coa colaboración do Concello, que xustamente este sábado daba a coñecer a data do encontro: será o sábado 8 de febreiro, das 18.30 horas en adiante, na Casa da Cultura de Vimianzo. Segundo o divulgado, estrearán ese día o espectáculo Os zocos máxicos, e as dúas formacións anfitrioas terán ademais a compaña dun grupo convidado: os lucenses de Falcatrueiros de Monterroso. As asociacións comparten mestre, o premiado Iván Villar, ceense. Contaba no 2023 que levaba xa 17 anos dando clase cos Falcatrueiros, a primeira escola na que comezou como docente. Fíxose clásico, doutro lado, que estas foliadas en Vimianzo traian unha estrea de espectáculo por parte do alumnado de Pasarela e Salto. Naquela conversa estaban ás portas de facer o propio con Tempo de nubeiros, unha de seres mitolóxicos e tamén de colleitas.