«Non había quen nos ensinara nada»

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Jose Manuel Casal

Unha pandereteira de O Couto de Muíño (Zas) intercambiará no instituto de Baio as súas experiencias musicais coa cantautora Sés, que tamén dará un concerto

19 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aprendemos cando non había quen nos ensinara nada». Así fala Benedicta Tomé Caamaño, de 70 años, pandereteira autodidacta que hoxe participa no ciclo Ao son delas, do instituto Maximino Romero de Lema de Baio. Un faladoiro no que tamén intervirá a cantautora María Xosé Silva, Sés, que, ademais, dará un concerto en acústico para os alumnos do instituto e mais para a xente que queira asistir, ata completar o aforo.

Di o promotor desta iniciativa, Manolo Maseda, que o «nexo común destas dúas mulleres, que non se coñecen entre si, é a súa paixón pola terra e a súa identidade musical». Sés comentaba onte que vai encantada á convocatoria: «Paréceme apaixonante. É unha proposta de interacción interxeracional moi necesaria». Cre que hai necesidade «de escoitar aos maiores» e aprender deles, e máis se é nun instituto e os beneficiarios deste intercambio son estudantes. «Tería que ser obrigatorio», afirma a artista, para quen é «unha sorte» e unha «marabilla» participar en algo como Ao son delas. Sés non coñece de nada a Benedicta. «É unha honra que me poñan ao lado dela», sostén.

Benedicta está sorprendida pola invitación. «A pandeireta tócoa, algo doulle, hainas mellores ca min, máis novas e máis vellas», apunta, non entanto. Esta veciña do Couto de Muíño (Zas) ten detrás dela esa historia propia de mulleres que loitaron a vida con dureza. Empezou aprendendo a coser cando aínda se ía polas casas. Logo traballou nun taller en Negreira. Non lle foi allea a emigración, primeiro en Madrid e, logo, en Londres. Tivo que volver por causas de saúde da súa parella. Dirixiu un taller en Muíño e agora está xubilada. Ninguén lle ensinou a tocar a pandeireta. «Aprendiamos o que viamos», conta. «Agora hai clases para todo», opina. Foi colléndolle os segredos na súa mocidade, cando os gaiteiros amenizaban as ruadas dos mozos. Xuntábanse para os seus bailes e as súas diversións, moitas veces nas vellas Torres de Gómez ou nalgún alpendre previamente varrido e habilitado para a troula.

Animaban aqueles seráns un pequeno grupo de gaiteiros do entorno próximo. De cando en vez viñan os de Montouto (Santa Comba). «O gaiteiro de Montouto/anda polo mundo adiante/quentando o forno/para que coza outro», aínda lembra a vella copla que lle dedicaban.

Benedicta Tomé tocaba coa súa irmá María e outra compañeira. A súa bagaxe musical foi punto de interese de moitos musicólogos, grupos e recuperadores para rescatar pezas que acabaron formando parte de discos. «Agora somos algo reaccias a seguir con gravacións e cousas así, porque somos vellas». O que tamén lle pode contar aos rapaces é como ela e máis a súas compañeiras de xuventude ían todas en grupo a pé á feira de Baíñas para pasear e mocear. «Cando saiamos dabamos un aturuxo para que fosen vindo as demais. Sempre íamos unidas, nunca marchabamos unhas sen as outras», lembra.

É moi probable que moitos alumnos non esquezan a testemuña desta pandereteira de O Couto. María Xosé Silvar considera que é imprescindible crear «espazos de diversidade», como o de hoxe. Loa, neste senso, a iniciativa do instituto Maximino Romero. O programa ten por obxectivo «a creación dun proceso innovador» de participación da comunidade escolar «no coñecemento, valoración e practica do feminismo como práctica de transformación social».

A actividade comezará cun xantar na cafetería do centro. Organizan os voluntarios da revista, os alumnos de Artes Escénicas e Xestión Cultural e mais os de Arte e Son. Ás catro e media da tarde será o faladoiro no salón de usos múltiples. E logo, Sés, acompañada polo guitarrista Tito Calviño, ofrecerá un concerto en acústico. Interpretará, segundo apuntou a propia cantante, temas de todos os seus discos, adaptándose ao espazo e ao público. Será ao son delas.