Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Braulio Pérez Astray: «Son baiés polos catro costados»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Braulio, á dereita, na presentación das xornadas do liño nas Torres do Allo, hai uns días
Braulio, á dereita, na presentación das xornadas do liño nas Torres do Allo, hai uns días Ana García

Braulio, doutor en Economía Aplicada, pon en valor as iniciativas de colaboración entre a Universidade da Coruña e o Concello de Zas, como a xornada sobre o liño deste sábado nas Torres do Allo

13 sep 2023 . Actualizado a las 16:00 h.

Doutor en Economía Aplicada, o baiés Braulio Pérez Astray é director adxunto da Fundación Universidade da Coruña e está implicado en varios proxectos de colaboración entre a UDC e o Concello de Zas. «Eu considérome baiés polos catro costados. Meu pai foi médico alí, miña nai farmacéutica e eu tiven un nexo co club de fútbol durante moitos anos na súa época dourada», comentou en Radio Voz.

—En que traballa actualmente na Fundación da UDC?

—Nestes momento, dedícome a promover a relación no ámbito científico e técnico entre o tecido produtivo e os nosos grupos de investigación da Universidade da Coruña. Facémolo nun ámbito rexional e estatal, pero tamén internacional, e o que buscamos é a colaboración institucional en favor da innovación e a transferencia de coñecemento.

—Este sábado, as Torres do Allo acollerán a xornada «Presente e futuro do liño», con desfile, actuacións e tamén conferencias de docentes da UDC. En que consiste esta vía de colaboración que se abre coa Universidade da Coruña no relativo ao liño? Entrará a formar parte do currículo académico?

—A colaboración entre a UDC e o Concello de Zas vén de moitos anos atrás. Neste caso, o xermolo foi unha conversa con Carmen Riveiro, da asociación do liño, que se puxo en contacto para falarnos desta xornada. Vimos as posibilidades de colaborar aportando docentes que puidesen impartir algunha charla, fomos concretando esa colaboración e finalmente irán dous profesores dun novo grao, Xestión Industrial de Moda. A xente do liño ten moita experiencia nese ámbito e pode aportar unha visión práctica e un coñecemento que seguramente lle será de utilidade aos alumnos. Despois serán os directivos de cada facultade os que decidirán de que maneira se concreta esa colaboración, iso xa non me compete a min, pero estou seguro de que aí xurdirán novas posibilidades.

—Fálenos dese Parque Científico e Tecnolóxico previsto para Lamas. Que repercusións tería para o entorno?

—Outra idea que xurde froito desa intensa colaboración entre a UDC e o Concello de Zas e que está pensada para toda a Costa da Morte. O que nos gustaría con esta idea é incidir no segundo reto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, que é traballar nun novo modelo industrial a través de vías como o aumento da intensidade tecnolóxica, a diversificación dos sectores produtivos, a especialización ou a innovación nos procesos. É unha idea innovadora que permitirá levar a cabo actividades transformadoras para o entorno.

—Son xa varios os proxectos que dunha maneira ou outra trouxeron á UDC ata Zas, e vostede ten moito que ver niso. É importante para vostede tratar de levar coñecemento ao seu municipio natal?

—Cada un aporta o que pode, e o que me corresponde a min é un pequeno gran. Eu creo moito nos equipos, será porque xoguei ao fútbol, e creo que soen dar bo resultado. Para min é un orgullo e un pracer formar parte dese equipo de xente que somos de Baio, ou do entorno, e que intentamos mirar polos intereses dos nosos veciños e da vila.

—Ten dito que, máis aló dos méritos académicos ou profesionais, das cousas que máis admiraba dos seus pais eran o seu compromiso coa mellora das condicións de vida da xente do pobo e co seu desenvolvemento. Diría que foron os seus referentes?

—Por suposto, para min son dous referentes moi importantes nos que intento mirarme e seguir os seus pasos. Miña nai morreu moi nova por unha enfermidade, pero meu pai fixo moitas accións non só para a vila de Baio, senón para unha amplísima comarca.

—Unha das iniciativas que máis arraigo teñen é ese programa da Universidade Sénior que leva xa varias edicións en Baio. Que cre que aportan proxectos como estes entre a poboación de máis de cincuenta?

—Non me gusta chamarlle así, pero creo que é unha iniciativa moi interesante dentro das políticas actuais de envellecemento activo. Non só se dirixe a universitarios, senón que está aberto a todo o mundo, independentemente da súa formación, e aínda que se fai en Baio é para a toda a Costa da Morte. Están asistindo regularmente unhas setenta persoas e eu creo que son unas actividades que permiten que a xente adquira novo coñecemento, ademais dun novo marco de proactividade.

—Que opina da deslocalización da Universidade? No último curso de dinamización lingüística que se celebrou en Carballo falouse de facer un campus na localidade...

—Estaba eu alí, e cando Carlos Aymerich falou do asunto, enseguida o alcalde de Carballo recolleu o guante [ri]. Como traballador da Universidade eu estaría encantado de que se abrise a novos espazos xeográficos, oxalá, aínda que eu intentaría que fose máis para Baio que para Carballo [ri].